Silleda, 10 de agosto de 2016. Hoxe día 10, celebra o seu 107 aniversario Ramona Costoyas Rey, veciña de Quintela, na parroquia de San Tirso de Manduas. Ramona, que goza dunha gran lucidez, celebrou esta data cun dos seus tres fillos, Ramón, a súa nora, Tita, e María José, a súa coidadora.
Ata o seu domicilio desprazáronse o alcalde, Manuel Cuíña, e Pili Peón, responsable de Benestar Social, que lle fixeron entrega de un ramo de flores ademais de felicitar a Ramona en nome de todos os veciños e veciñas de Silleda.
Ramona naceu no lugar de Andamollo, tamén na parroquia de Manduas, onde se criou cos seus avós logo de que os seus pais emigraran á Arxentina.
Casou con José Sueiro, veciño de Merza, que faleceu nos anos 90, e con el tivo catro fillos. Hoxe en día viven 3 que residen en Francia, Bilbao e San Sebastián. Ten 10 netos e numerosos bisnetos, e atesoura moitos recordos de unha vida ligada, coma a de tantas mulleres, ao traballo no agro.
Pese a ter problemas de mobilidade, Ramona goza de unha memoria envexable e dun gran sentido do humor. Hoxe soprou as 107 velas cun dos seus fillos, Ramón, que reside en Donosti.
É a segunda veciña máis lonxeva do municipio de Silleda, cun ranking de centenarias que segue a encabezar Concepción Pichel, veciña de Vilar, que o pasado mes de maio cumpriu os 108.