Silleda, 11 de agosto de 2015. O Concello de Silleda continúa cos traballos de acondicionamento da que será a futura sede da Escola de Música, na primeira planta do edificio do recinto feiral.
Así, e logo de retirar os falsos teitos, derribar tabiques e desmontar algúns aseos e outro mobiliario, -traballos que se iniciaron xa o pasado mes de xuño xunto coa instalación eléctrica e outras actuacións previas- hoxe procedeuse a realizar o traballo de campo do estudo acústico, para insonorizar o que será a sala de ensaio.
Unha vez realizadas estas medicións técnicas para comprobar cómo se debe de aminorar a reverberación acústica do local, a empresa especializada encargada desta tarefa, plasmará nun estudo técnico as medidas que hai que adoptar.
Así, unha vez feito este estudo procederase á insonorización do local, situado na primeira planta do edificio, e realizar a inversión de acondicionamento propiamente dita, que suporá unha inversión de 60.000 euros, cantidade xa consignada no orzamento municipal deste ano que se aprobou a finais do pasado mes de xuño.
Cando rematen as obras, procederase ao traslado dende o edificio actual á nova sede da Escola de Música.
Dende o goberno silledense agárdase poder axilizar todas estas obras de cara a que o novo curso académico desta entidade poida comezar xa nestas novas dependencias municipais.