Silleda, 5 de decembro de 2013. O programa Silleda Solidaria vén de recibir un total de 129,55 euros, recadados coas aportacións voluntarias dos asistentes ao concerto de Santa Icía celebrado o pasado sábado día 30 no auditorio da Bandeira. Foi alí onde comezou a iniciativa do Nadal Solidario, con eventos nos que se recollerán fondos e tamén produtos alimentarios e xoguetes para o programa municipal Silleda Solidaria. Na primeira cita recadáronse un total de 129, 55 euros, que se destinarán á compra de alimentos e xoguetes.
O programa municipal de Nadal, que comeza mañá venres, contempla distintas actividades nas que se poderá colaborar con esta iniciativa. Trátase do Festival Extraordinario de Nadal da Coral Polifónica Trasdeza (o día 14 de decembro); e dúas citas que terán lugar o 21 de decembro: o torneo de fútbol “Biberón”, no pavillón municipal César González Fares (18.00 horas) e o Concerto de Nadal da Banda de Música de Silleda (21.00 horas no auditorio Semana Verde). Ademais, o día 4 de xaneiro o Festival de Aninovo da Bandeira celebrarase baixo o lema “Tod@s con Filipinas”. En colaboración con Unicef recolleránse fondos para destinar aos milleiros de persoas damnificadas polo paso do tifón Yolanda.
Dende o Concello editáronse folletos para divulgar os obxectivos e líñas de actuación do programa, coordinado dende os Servizos Sociais, que serán distribuidos nos eventos citados anteriormente, explicando, en cada caso, a que se destinan o fondos de cada evento.
“Queremos agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron e seguen a colaborar co programa a súa aportación. Sabemos que estamos en momentos difíciles para todos, por iso calquera axuda, por pequena que sea, conta moito”, sinala a concelleira de Benestar Social, Dolores García.
Así mesmo tamén agradece a colaboración de todos os veciños e veciñas que están a colaborar coas campañas de alimentos e a de Un neno/a, un xoguete, facendo aportacións directas nos supermercados e centros municipais.
“As familias con menos recursos do noso municipio poderán pasar un Nadal máis levadeiro grazas ao xesto solidario de moita xente”, engade.
Mañá, inicio do programa
Por outra banda mañá venres día 6 comeza o programa de Nadal, cos máis pequenos como protagonistas. Así, ás 12.30 horas terá lugar a cita con Caramuxo Teatro, para nenos e nenas de 0 a 5 anos. Esta sesión, na Casa da Xuventude, está incluida tamén no programa Axóuxeres, para fomentar o uso do galego entre a poboación máis nova. E pola tarde, tamén na Casa da Xuventude, dará comezo o programa de obradoiros para os nenos e nenas. Comezará ás 17.00 horas cun adicado á decoración de Nadal. Xa na xornada do sábado, os participantes nestes obradoiros comezarán xa a decorar a Casa da Xuventude. O domingo arranca o concurso de escaparates e celebrase tamén o día da patrona de Silleda, con actos organizados dende a Asociación Olaia.
Música, contacontos, deportes, actividades de animación á lectura, teatro…. figuran nun variado programa cun total de 45 actividades para todos os públicos que continuará ata o día 5 de xaneiro.