O goberno municipal, encabezado por Paula Fernández, recibiu ao alumnado do CPR María Inmaculada que percorrerá da man do Eurodiputado Nicolás González Casares distintas entidades europeas
Un grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do CPR María Inmaculada foi recibido na mañá deste venres 15 de novembro no Concello de Silleda antes da súa partida o vindeiro luns cara a Bruxelas.
O goberno municipal, encabezado por Paula Fernández Pena, recibiu aos mozos e mozas que terán a oportunidade de coñecer as distintas institucións europeas, entre elas o Parlamento, e entidades como a Casa da Historia Europea, da man do eurodiputado Nicolás González Casares.
Durante a recepción, na que a través dunha videochamada o eurodiputado lles adiantou algúns dos centros que coñecerán a vindeira semana, nunha viaxe de catro días, os alumnos e alumnas tamén tiveron a oportunidade de realizar preguntas ao goberno local sobre o funcionamento da entidade local.
Paula Fernández que tamén comentou co grupo algúns dos proxectos que se están a desenvolver en Silleda no marco da estratexia europea da Axenda 2030, caso das comunidades enerxéticas, animou ao alumnado silledense a disfrutar a viaxe, ca que tamén visitarán cidades como Bruxas ou Gante, e coñecer en profundidade o funcionamento das institucións e entidades da Unión Europea.
Dende o centro educativo silledense agradeceron tamén a oportunidade que se lles brinda con esta expedición.