Recollidas casi 70 toneladas de plásticos agrícolas en tan só 8 días no rural silledense

 

Silleda, 1 de abril de 2013. A recollida selectiva de plásticos agrícolas de sillos e invernadoiros realizada o pasado mes no municipio silledense rematou coa retirada dun total de 69,73 toneladas. O servizo, totalmente gratuito, realizouse nun tempo récord, empregandose tan só 8 días. En total atenderonse 122 peticións, 44 máis que as recibidas o pasado ano por estas datas.

Por parroquias, o maior número de avisos rexistrouse en Escuadro, seguida de Graba, Parada, Laro, Oleiros e Cortegada. Estas seis localidades concentaron o 55% das peticións formuladas.

Logo desta recollida xeral, o servizo pasará a ser estable durante todo ano, unha das melloras obtidas polo departamento de Medio Ambiente e Medio Rural, que dirixe Antonio Couso, na negociación coa empresa xestora de residuos Secope.

Realizarase unha ou dúas veces ao mes, en función da demanda que exista. “Os usuarios terán á súa disposición durante todo o ano este servizo, co que así evitamos tamén que estes residuos se vaian acumulando”, indica Couso.

Retirada de neumáticos e papel-cartón

A partir deste mes de abril, poñeranse tamén en marcha novoso servizos para a retirada de residus que responden a outras melloras negociadas. Trátase da recollida de cartón-papel e de neumáticos. No caso dos neumáticos, para o que xa hai solicitudes, os solicitantes deben abonar o custe da reciclaxe ( o transporte é gratuito). Sería de 1,30 euros/ por unidade, para rodas de turismos; 2,10 euros para os de furgoneta; e 7,25 euros por cada roda de camión ou tractor. As persoas que desexen acollerse a este servizo poden chamar ao Concello para anotarse.  Cando se realice esta recollida de rodas tamén se aproveitará para levar os cartóns e embalaxes das explotacións. “Ademais de chamar para a recollida de plásticos, os gandeiros tamén poden dar aviso para que lle retiren as rodas e o papel-cartón”, sinala o concelleiro, que destaca que esta ampliación do servizo supón grandes melloras para o tratamento axeitados dos residuos.

Nos vindeiros días tamén se colocarán nas parroquias avisos explicando aos veciños e veciñas a estabilización da recollida de plásticos e os novos servizos para neumáticos e cartón-papel.