Recollidas más de 40 toneladas de plásticos agrícolas na primeira fase do ano no municipio de Silleda

Silleda, 26 de abril de 2019. A primeira fase da décima campaña de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiros do Concello de Silleda rematou hoxe cunha estimación de máis de 40 toneladas retiradas. En total, nesta primeira fase recibíronse un total de 100  solicitudes procedentes dun total de 26 parroquias do municipio.

Destacan por número de avisos recollidos  Escuadro con 14 avisos, Graba con 10; Cervaña e Laro, con 9 cada uha delas; Parada 7 e Cortegada  con 6.

Dende o Concello de Silleda, que organiza a recollida a través dos departamentos de Medio Ambiente e Medio Rural, o alcalde, Manuel Cuiña, agradece a “enorme colaboración dos agricultores e gandeiros de Silleda” que nesta fase “seguiron prácticamente na súa totalidade todas as indicacións que se deron para un correcto depósito e reciclaxe destes residuos”, engade. A segunda fase do programa realizarase como vén sendo habitual no outono.

Este programa de recollida porta a porta iniciouse en febreiro de 2008 obténdose uns resultados excelentes tanto polas solicitudes rexistradas como pola cantidade recollida.

 

Foi unha medida de gran acollida veciñal , evitando a acumulación duns plásticos que metidos en terra tardarían en degradarse uns 500 anos. Ao mesmo tempo evitase tamén o impacto visual, tendo en conta ademais que este material é reciclable.