Silleda, 9 de novembro de 2017. O municipio de Silleda está no “top ten” dos municipios galegos que máis utilizan os minipuntos limpos en proporción ao número de instalacións dispoñibles.
Así o reflexan os primeiros datos de recollida aportados pola empresa Blipert, coa que o Concello asinou un convenio para instalar o pasado mes de xuño dous mini puntos limpos urbáns nos núcleos de Silleda e da Bandeira.
Estas instalacións, sen custes para o Concello, contan con depósitos para recoller ata sete modalidades de residuos: dous depósitos para pilas (convencionais, alcalinas, de petaca e de botón), e baterías de móbiles; un para teléfonos móbiles; outro para CD/DVD; un para cartuchos de impresora de inxección, para lámpadas de baixo consumo e outro para RAEES (residuos de aparellos electrónicos ou eléctricos que leven pilas ou se poidan enchufar á corrente).
Dende xuño ata a primeira semana de outubro recolléronse nestas dúas instalacións un total de 202 kilogramos de residuos. Encabeza o listado as pilas e baterías de teléfonos móviles con 105 kilogramos (5.250 unidades); segundo dos chamados RAES (42 kilos e 1.050 unidades). Tamén se despoistaron 21 kilos de bombillas de baixo consumo (315 unidades); teléfonos móbiles (170 unidades que suman 17 kilogramos); máis de 700 CDs e DVDs (12 kilos) e 200 unidades de cartuchos de impresora (5 kilos).
Os mini puntos están ubicados na rúa Trasdeza de Silleda (preto do cruce ca rúa Progreso) e na esquina da rúa Xeral de Bandeira coa rúa Camilo José Cela.
“Con estas instalacións búscase facilitar aos veciños e veciñas o correcto depósito deste tipo de residuos sen necesidade de ter que achegarse ata o punto limpo ”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Estas instalacións complementan a rede de recollida de residuos no termo municipal de Silleda que se vén mellorando dende os últimos anos e completándose cos colectores de aceites usados, ou os de roupa, calzado e textil, tamén dispoñibles para a cidadanía nos dous cascos urbanos.
Así mesmo, o Punto Limpo situado en Margaride, un servizo totalmente gratuito e para particulares, está aberto todos os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Chamamento á colaboración cidadá
Por outra banda, dende o departamento municipal de Medio Ambiente faise un chamamento á colaboración cidadá para realizar un correcto depósito dos residuos, xa que se están a detectar varias deficiencias.
Así por exemplo na rúa Antón Alonso Ríos estanse a botar de forma incorrecta botellas de plástico nos iglús do vidro (os envases de plástico deben depositarse no colector amarelo). Tamén se solicita un esforzó para plegar o cartón e papel que debe ir no colector azul, non nos verdes de materia orgánica.