Silleda, 7 de abril de 2014. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica hoxe a relación de sección e mesas electorais para os vindeiros comicios ao Parlamento Europeo, que se celebrarán o 25 de maio.
En canto ao municipio de Silleda rexistranse varios cambios, motivados principalmente pola desaparición de tres mesas que non cumpren os parámetros legais, ao non alcanzar os 200 electores. Son as de Rellas, Abades e Moalde.
A mesa de Rellas redistribuirase noutras dúas. Así os veciños de Rellas votarán en Escuadro e os de Margaride (que tamén votaban en Rellas) deberán acudir a Silleda (Casa da Xuventude).
Os veciños de Abades e Pazos, que votaban xuntos en Abades deberán de acudir á Bandeira, ao igual que os veciños de Moalde, que tamén deberán de botar na Bandeira.
Ademais da supresión desta tres mesas, no municipio silledense tamén se rexistran outras modificacións. Así, os veciños dos lugares de Cumbraos e Barreiro volverán a votar en Escuadro (nos últimos anos acudían a Moalde); e a parroquia de Ansemil volverá a votar na mesa electoral de Breixa.
Dende o Concello de Silleda, á vista de que estas tres mesas non cumprían a normativa, propúxose a modificación que se recolle hoxe no BOP.
O alcalde, Manuel Cuíña, advirte que esta problemática se vén arrastrando xa dende hai varios anos, polo que en algún dos últimos procesos electorais se viñan incorporando novs lugares ás mesas para evitar a súa desaparición (caso da anexión de Cumbraos e Barreiro, lugares de Escuadro, á mesa de Moalde), ao non cumprir os ratios mínimos do censo. “ Á vista dos datos actuais a desaparición destas tres mesas foi algo inevitable”, indica o alcalde, sinalando que se tratou de facer a “mellor proposta posible de restructuración para causar os menos trastornos posibles aos veciños e veciñas, facilitando a súa participación nos procesos electorais”, engade.