Remata con éxito o programa de deseño de ocio do Plan Actívate

 

Silleda, 3 de decembro de 2012. O curso de Deseño, Planificación e Desenvolvemento de Actividades de Ocio no tempo de lecer, incluído no programa Actívate rematou hoxe en Silleda logo de 13 intensos días de actividade. Nesta última sesión os alumnos e alumnas abordaron coñecementos relacionados coas técnicas de búsqueda de emprego.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, en nome da concelleira de Xuventude, Margarita Campos, que non puido asistir polos seus compromisos profesionais, despediu aos/as participantes agradecendo a súa participación e o interese amosado.

“É de destacar que 13 dos 21 participantes vos ofrecerades como voluntarios e voluntarias para realizar distintas actividades de xeito desinteresado dentro do programa de Nadal, algo que vos servirá tamén para adquirir experiencia e darvos a coñecer se vos gusta este ámbito profesional”, sinalou a rexedora. Estes mozos e mozas estarán o vindeiro día 28 no Centro Cultural Vistalegre da Bandeira organizando obradoiros de maquillaxe, música e teatro.  Así mesmo, Paula Fernández, propúxolles colaborar tamén realizando actividades na Casa da Xuventude. “Dende o Concello de Silleda estamos moi satisfeitos e orgullosos de que a xente nova coma vós participe neste tipo de actividades que vos axudan tamén a formarvos”, sinalou a rexedora.

Os diplomas acreditativos da participación no ciclo serán entregados nas próximas semanas. O ciclo, promovido pola  Concellería de Xuventude e Emprego e organizado en colaboración coa Deputación de Pontevedra, tiña como obxectivo xeral aprender a coñecer o medio sociocultural onde se vai desenvolver a actividade, así como técnicas de deseño e organización de actividades lúdicas. O programa consta de varios módulos coma os titulados o ámbito sociocultural, a educación no tempo libre,; e técnicas e recursos para a intervención. Ademais de veciños e veciñas de Silleda tamén participaron alumnos e alumnas de municipios veciños como Lalín ou Vila de Cruces.