Silleda, 21 de agosto de 2015. As obras de restauración da ponte do Demo, situada sobre o río Deza no entorno do mosteiro de Carboeiro están xa rematadas. Esta actuación, na que se investiron preto de 55.000 euros, era unha vella demanda, debido ao mal estado no que se atopaba este paso histórico entre os municipios de Silleda e Vila de Cruces. As obras leváronse a cabo logo do convenio asinado entre a Consellería de Cultura e o Concello de Silleda, para arranxar os problemas estrucuturais desta ponte, que acusaba un grande deterioro polas enchentas do caudal e outros danos.
As obras consistiron na restauración do tímpano e o muro de encanamento.
A ponte loce dende hai días unha imaxe mellorada nun dos enclaves con máis visitantes da comarca do Deza.
Por outra banda, en semanas pasadas, dende o Concello de Silleda solicitouse á Dirección Xeral de Patrimonio unha visita por parte dos técnicos para realizar unha avaliación rigorosa sobre o estado do mosteiro de Carboeiro, e analizar a súa situación logo da última restauración da igrexa e dependencias monacais neste monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1930.
Na misiva lémbrase a importancia deste enclave, tanto no aspecto histórico artístico como paisaxístico, como demostra a recenté creación da Senda Botánica da Abadía, apoiada pola Administración Autonómica, como o feito de estar situado no Sistema Fluvial Ulla-Deza, e considerado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
Dende o Concello agárdase que os técnicos poidan realizar esta avaliación canto antes, para contribuir mellor na conservación e posta en valor deste histórico edificio.
Dende o goberno local agradécese a intervención na Ponte do Demo ao tempo que se lembra que tamén está pendente de arranxar outro paso histórico no municipio, como é a Ponte da Pedra, en Chapa, tamén con graves danos na súa estrutura.