Silleda, 17 de novembro de 2016. O Concello de Silleda continúa colaborando coa Consellreía de Medio Ambiente na erradicación de vertedoiros incontrolados situados en terreo de dominio público.
Así, logo que de o departamento municipal, que dirixe Klaus Brey, informara en meses pasados dos casos máis graves, a Administración Autonómica a través da empresa pública Seaga proceceu nos últimos días a retirar unha decena de vertidos.
Estaban situados en Silleda, Abades, dous na parroquia de Vilar, en Moalde, Piñeiro, Ponte, en Oleiros (no lugar de A Laxe) e tamén nunha aldea de Carboeiro.
“Este programa de limpeza de vertedoiros en espazos públicos vén a completar o traballo que se acomete directamente con operarios municipais”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que agradece a colaboración da Consellería na loita conta os vertedoiros incontrolados.
Dende o Concello, advirtese que na maioría dos casos o depósito de residuos se realiza de maneira reiterada, e pese a que se colocaron carteis informando da prohibición e posibles sancións, con multas de ata 3.000 euros.
“Non podemos consentir que haxa lugares nos que despois de que se limpe se volvan a crear novos vertedoiros”, indica o alcalde, que fai un chamamento á cidadanía para recordar que o Punto Limpo é un servizo gratuito que está a disposición de todos os veciños e veciñas para a recollida de materiais (todos os mércores e sábados de 09:00 a 14:00 horas).
Cuiña tamén advirte que a estes casos limpados estes días súmase “a acumulación indebida de residuos en fincas ou terreos de titularidade privada” e da dificultade que supón en moitos casos identificar as responsables destes vertedoiros. Así, tamén apela á colaboración cidadá á hora de poder facilitar algún dato sobre a autoría destes graves feitos.
O pasado 20 de abril, a Consellería de Medio Ambiente daba a coñecer a encomenda de xestión para 2016 á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos SA (Seaga), confinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos Fondos Feder.