Silleda, 9 de abril de 2013. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, mantivo hoxe unha reunión con xerente da Fundación Semana Verde para abordar o traslado da Escola de Música Municipal de Silleda ás dependencias da entidade feiral.
Na reunión, á que tamén asistiron o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña e o director de Infraestruturas e Servizos Técnicos, Carlos Mato, da Fundación Semana Verde, falouse da primeira fase dos traballos, na que se investirán 23.000 euros de fondos municipais. Neste importe, ademais da adecuación de dependencias para a escola, inclúese a mellora doutras dependencias do recinto, que debe asumir o Concello, para o traslado das oficinas de Semana Verde.
Nos orzamentos de 2013, aprobados en pleno o pasado día 4, xa se contempla entre as inversión unha partida de 23.000 euros para a adecuación do edificio das antigas oficinas da Semana Verde. Para completar a inversión prevista serían precisos aínda outros 40.000 euros, que se espera obter coas aportacións doutras Administracións.
Neste senso, Paula Fernández, vén de reunirse co Subdirector Xeral de Ensinos Especiais, Juan Durán, ao que presentou o proxecto. “Agardamos que dende a Consellería de Cultura e Educación se apoie esta iniciativa, moi necesaria para ofrecer aos alumnos/as e usuarios da Escola de Música de Silleda, así como á Banda Municipal unhas instalacións axeitadas nas que poder continuar o seu traballo”, sinala a alcaldesa.
A Escola está situada actualmente no antigo edificio da Cámara Agraria de Silleda, unhas dependencias que non se adecúan á actividade que se vén realizando dende a escola e a banda de Silleda.
Nos vindeiros días Paula Fernández tamén ten previsto reunirse coa Anpa da Escola e a dirección para explicarlles o proxecto.