-O Centro de Información ás Mulleres do Concello de Silleda promove estas charlas que, repartidas en tres bloques, se impartirán ata o próximo mes de xullo
Silleda, 5 de maio de 2016. O CIM de Silleda pon en marcha os “Seminarios de Preformación Laboral”, dirixidos a potenciar a participación das mulleres rurais no desenvolvemento económico e social do concello e a consolidar unha organización empresarial máis comprometida coa igualdade de xénero.
Esta iniciativa, que nace coa idea de procurar unha maior incorporación da muller rural ao mercado laboral, estará dividida en tres bloques e impartirase entre os meses de maio a xullo.
Así, o primeiro dos bloques, denominado “Autonomía Emocional”, distribuirase entre os días 12,19, e 26 de maio, e o 2 e o 9 de xuño, e tratará temas como autocoñecemento, autoestima, automotivación, responsabilidade, optimismo ou actitude positiva, e resilencia.
O bloque dous, “Conciencia e Regulación Emocional”, comprende o análise das relacións entre emocións, pensamento e comportamento, a expresión emocional apropiada, regulación das emocións, (autorregulación), e habilidades de afrontamento, e terá lugar os días 16 e 23 de xuño.
Nun terceiro bloque chamado “Competencias Sociais”, previsto para o 30 de xuño e o 7 de xullo, examinarase o manexo das habilidades sociais básicas, prosocialidade e cooperación, comunicación, e prevención e resolución de conflitos.
E o bloque que pecha os seminarios, “Competencias para a vida – plan de acción”, celebrarase os días 14 e 21 de xullo, cos contidos de motivación, formulación de obxectivos realistas e adaptativos, tomas de decisións, participación social, crítica e responsable, e establecemento dun plan de acción.
Cada unha das citas desenvolverase nos días previstos ás 11:00 horas, na Casa de Cultura de Silleda.
En declaracións da Concelleira de Igualdade, Pilar Peón, asegurou que “nun medio coma o rural, onde á dureza da vida cotiá se suma a continuidade de situacións que dificultan que as mulleres rurais poidan exercer os seus dereitos laborais, sociais e económicos en igualdade de condicións que os homes, son indispensables actuacións coma estas de preformación laboral, dirixidas a mellorar actitudes e destrezas da muller, así coma desenvolver habilidades e capacidades para a busca activa de emprego”.