Silleda, 13 de xaneiro de 2016. A empresa local Serinter S.L. comezará a prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no municipio de Silleda o vindeiro día 1 de febrero.
A responsable da empresa, que resultou adxudicataria no proceso de contratación, asinou hoxe o contrato no Concello.
O cadro de persoal continuará formado polas mesmas persoas que viñan formando plante da plantilla anterior, con 18 traballadoras. “Os usuarios e usuarias do servizo continuarán atendidos polas mesmas auxiliares, e o servizo prestarase nas mesmas condicións que se viña facendo no último ano”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que hoxe asinou o contrato coa entidade, que presentou a mellor oferta no proceso de contratación do servizo.
O servizo foi externalizado o pasado ano, pasando a ampliar a plantilla con 13 novas persoas contratadas, que se sumaron ás 5 operarias municipais subrogadas pola empresa Pedroso y Rojas, que viña prestando o servizo en Silleda dende outubro de 2014.
Cuiña agradece á firma Pedroso y Rojas a labor realizada, “prestando un servizo de calidade, como mostra o alto grao de satisfacción dos usuarios” e advirte que se continuará coas mesmas condicións coa entrada de Serinter.
O servizo saiu a licitación hai varios meses por un periodo de 4 anos, “unha medida para favorece tamén a estabilidade na atención aos máis de 40 usuarios e usuarias que dispoñen deste servizo”, engade Cuiña.