Silleda acolle a proxección da película Visións, do proxecto Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra

Silleda, 1 de marzo de 2017.  O vindeiro mércores día 8 chegará a Silleda o proxecto Cinema e Muller, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para visibilizar as creadoras do audiovisual da provincia e e promover unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.

No marco de esta iniciativa, terá lugar a proxección da película “Visións”, na que participan activamente dez mulleres cineastas da provincia de Pontevedra. A cita será na Casa da Xuventude ás 17:00 horas, coa participación de Andrea Zapata, unha das cineastas coautora do filme.

Nesta proposta achegan dez olladas nas que cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica, centrada en cuestións relacionadas co xénero. Así, a película aborda desde a intimidade da creación e a construción da corporeidade da natureza, ata berros, o corpo feminino, o día a día dunha creadora audiovisual, a dificultade de conciliar, así como a relación entre a casa e a muller ou entre xeracións de mulleres dunha mesma familia.

Nesta película colaborativa, promovida pola institución provincial, participan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla. Visións, realizada en dous meses, inclúe dez minicurtas, nas que as directoras fixeron tamén de cámaras e de montadoras, e realizaron a película de principio a fin, coas súas propias mans, cun axustado orzamento como exemplo do cinema que practican.

O proxecto "Cinema e muller", que impulsou a posta en marcha da película Visións, trátase dunha aposta por dar visibilidade ao traballo das máis de setenta mulleres que se dedican ao mundo audiovisual da provincia de Pontevedra, ben como cineastas, ben como editoras, produtoras ou guionistas.

Creadoras

Esta proxección forma parte da programación do 8-M, Día Internacional da Muller Traballadora, que se completará dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade cunha nova edición do programa Creadoras que se dará a coñecer nos vindeiros días.