Silleda acolle durante abril o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui

 

 

 

 

-Sergio Pazos abrirá o día 5 o programa, que se completa co monólogo de Isi, un concertó acústico de Tonhito de Poi, o contacontos Celsiño, o monólogo de Víctor Grande un concerto final cos grupos Skarmento, Tiro na Testa, Zënzar, Kanbotes e un grupo convidado

-As entradas para acudir aos eventos, programados dende a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, están á venda en establecementos de Silleda, A Bandeira, Lalín, Rodeiro e Vila de Cruces

Silleda, 27 de marzo de 2013. Silleda acollerá ao longo de abril o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, con música e monólogos durante todas as fins de semana. O programa, organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, comezará o vindeiro venres día 5 co monólogo “Sé galego, my friend”, a cargo do coñecido actor Sergio Pazos. A cita será na Casa da Cultura de Silleda, ás 21.30 horas, e o prezo da entrada é de 5 euros.

O venres día 12 toma o relevo o humorista José Manuel  Rodríguez “Isi”, tamén ás 21.30 horas na Casa da Cultura e a entrada a 5 euros.  O cartel, que foi presentado hoxe en Silleda, continaurá o venres 19 co concertó acústico que ofrecerá Tonhito de Poi no Café Pub Moe’s de Silleda (23.30 horas). Neste recital o polifacético artista presentará o seu disco “Soro da verdade” e tamén o seu libro “Viaxe cósmica á Amazonía”. A entrada neste caso é de 3 euros.  O sábado día 20, os contos de Celsiño chegarán á Casa da Xuventude (17.00 horas), para nenos e adultos (entrada 2 euros) e xa o venres 26 voltan os monólogos con Víctor Grande. A cita será no pub Inme de Silleda (23.30 horas) con entradas a 3 euros.

Para estas actuacións haberá a venda bonos por valor de 14 euros. Estes, ao igual que as entradas poderán mercarse en establecementos de Silleda (Salón de Té, A Lareira de Cuíña, Serinter, Bar Mistic, Pub Moe’s, Cafetería Maripepa); na Bandeira (Bar Arume); en Lalín (Café Cantigas, O Café de Mili, O Circo do Mundo); en Rodeiro (Pub Quirós) e en Vila de Cruces (Cafetería Galicia, Bar Coyote).

Como remate a este mes cultural o sábado 27 de abril terá lugar o concertó Por un Sáhara Libre, na sala Dilema 95 ás 22.00 horas. Sobre o escenario estarán grupos como Skarmento, Tiro na Testa, Zënzar, Kanbotes e tamén un grupo convidado aínda por confirmar. As entradas custarán neste caso 8 euros en venda anticipada e 10 euros na taquilla.

Na presentación participaron a presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla; o delegado da entidade na comarca, Pablo Romeo, que organizou a programación, a alcaldesa, Paula Fernández Pena e o delegado saharaui para Galicia, Alali Emboiric Mohamed. Durante a presentación Pablo Romeo debullou o programa, que se enmarca dentro das actividades da entidade a nivel de toda a Comunidade. Xunto con Maite Isla explicou que a recadación será destinada ao programa Vacacións en Paz e tamén para a compra de alimentos e medicamentos cos que atender as necesidades do pobo saharaui que estar a vivir unha situación cada vez máis crítica.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena,  lembrou que o Concello de Silleda leva anos xa colaborando coa causa, “aínda que desta vez arrancamos con máis forza”, dixo felicitando a Pablo Romeo pola organización do programa, “atractivo e de nivel”. Paula Fernández animou a todos e todas as silledenses e veciños da comarca a secundar estas actividades para axudar ao Sáhara occidental. “Esperemos que o lema Sáhara libre sexa unha realidade algún día”, rematou.

Pola súa banda, o Delegado Saharaui para Galicia, Alali Emboiric Mohamed, sinalou que este mes cultura e unha “iniciativa importantísima para o noso pobo, que está pasando unha fase moi crucial”,dixo.

Alali Emboiric relatou a difícil situación nos territorios ocupados e nos campamentos de refuxiados, “que viven casi nun toque de queda. A tortura e a represión é o pan de cada día”, dixo. Tamén advertiu que a programación será unha boa ocasión para falar desta última colonia de África e das “violacións de dereitos humanos”.

Por último Maite Isla agradeceu ao igual que o delegado a colaboración do Concello e a implicación persoal da alcaldesa, así coma o gran traballo de Pablo Romeo “sabia da asociación e un exemplo a seguir para o resto dos responsables locais”.

Isla auguroulle éxito á iniciativa por contar cun programa atractivo e “pola mensaxe de apoio que se lle está a dar ao pobo saharaui”, donde a falla de medicamentos e alimentos tamén se paliará grazas a esta iniciativa. Cos fondos recaudados tamén se financiará o programa Vacacións en Paz, polo que no último ano viñeron á Galicia 324 nenos e nenas. “Queremos non baixar esa cifra”, advertiu a presidenta do colectivo lembrando que a crise tamén fixo mella no número de nenos e nenas que disfrutan do verán lonxe da abafante calor do deserto.