-A cita comezará ás 18.30 na praza Juan Salgueiro, con actividades para a rapazada, música en vivo, chocolatada e agasallos para as persoas asistentes
Silleda, 24 de outubro de 2023. O Concello de Silleda organiza este venres, 27 de outubro, o evento “Silleda é Luz”, unha cita aberta a toda a veciñanza na que se presentará o programa de xestión e mantemento do servizo de alumeado público, que asume a empresa Ferrovial.
A cita, gratuíta, será na praza Juan Salgueiro de Silleda con actividades para todos os públicos.
O evento comezará ás 18:30 horas, cunha actividade infantil centrada no Samaín. A continuación, terá lugar a presentación do programa, a cargo do alcalde, Manuel Cuiña, e representantes da empresa Ferrovial, que continúa cos traballos de renovación das luminarias do municipio a tecnoloxía LED.
O grupo musical Dani Barreiro & Friends actuará en directo, pechando unha celebración na que tamén haberá chocolatada con churros e agasallos para as persoas asistentes.
“Baixo o lema, Silleda é Luz, aproveitamos esta celebración para compartir coa cidadanía os detalles deste proxecto, que dotará á nosa vila dun alumeado sostible, tecnolóxico e eficiente”, sinala o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña.