O evento honra a figura de Suso Otero, antigo presidente do Club de Petanca Bandeira e figura clave no crecemento deste deporte na comarca
Participarán un total de 64 equipos con máis de 250 xogadores e xogadoras
O campionato desenvolverase en horario de mañá, de 09:30 a 14:00 horas, e continuará pola tarde de 16:00 a 21:00 hora na rúa Maceira Boa
Silleda será o escenario do VI Open Internacional de Petanca Mixto «Suso Otero», un evento deportivo que honra a figura de Suso Otero, antigo presidente do Club de Petanca Bandeira, quen foi unha peza fundamental no crecemento deste deporte na comarca.
O torneo, que se celebraba tradicionalmente o domingo das festas locais, cambiou de data por segundo ano consecutivo para mellorar a organización e ampliar o número de equipos participantes. Desta forma, o evento terá lugar nunha data máis axeitada para garantir unha mellor planificación.
A competición desenvolverase na rúa Maceira Boa, xunto ao edificio Parchís e próximo ao colexio público, nun terreo cedido por un particular e acondicionado pola colaboración entre os membros do club e o Concello de Silleda.
Nesta edición, o torneo forma parte do Circuíto Petanca España 2024 na categoría Top* 1, sendo un dos 20 eventos organizados pola Federación Española de Petanca. Está previsto que participen un total de 64 equipos, o que supón arredor de 250 persoas federadas, procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León. A comarca do Deza tamén estará representada con equipos de Silleda e Lalín.
O evento contará cunha dotación económica de 2.865 euros en premios, que se repartirán entre doce dos equipos participantes. Ademais, catro equipos recibirán agasallos con produtos locais. Así mesmo, os 48 xogadores e xogadoras que cheguen ás semifinais nas distintas categorías recibirán trofeos individuais.
O campionato desenvolverase en horario de mañá, de 09:30 a 14:00 horas, e continuará pola tarde de 16:00 a 21:00 horas. Entre sesións, celebrarase unha comida de confraternidade entre todas as persoas participantes. Este torneo permitirá á veciñanza de Silleda gozar dunha xornada de petanca, deporte e confraternidade.
A presentación da proba tivo lugar hoxe no Concello de Silleda coa asistencia de directivos do Club Petanca Bandeira, que preside Xosé Casal, a alcaldesa Paula Fernández, e a concelleira de Deporte Mónica González.
Paula Fernández destacou o traballo e esforzo da entidade “que con 46 anos de historia situou a esta localidade tamén no mapa con esta modalidade deportiva”, engadiu.