A cita, para o público familiar, será na praza Juan Salgueiro ás 20:00 horas
Esta actuación forma parte da xira do 40 aniversario do Centro Dramático Galego
O Concello de Silleda acolle a obra de teatro ‘De Vilatriste a Vilalegre’, que se representará o vindeiro xoves 5 de setembro ás 20:00 horas na Praza Juan Salgueiro. Esta actuación forma parte da xira do 40 aniversario do Centro Dramático Galego, que está a percorrer máis de cen concellos galegos para celebrar esta data tan sinalada.
‘De Vilatriste a Vilalegre’ é unha divertida peza de monicreques que conta coa coprodución de Teatro O Cubo e o Centro Dramático Galego. A trama xira arredor de Trepas, un mozo habitante da vila de Vilatriste, que se ve envolto nunha inesperada aventura para salvar a súa aldea dun malvado dirixente. Cunha singular superheroína como aliada, Trepas deberá descubrir a fórmula para vencer ao seu inimigo, pero… funcionará?
A obra, deseñada por Beatriz Vega e con texto de Roi Vidal, mestura elementos da identidade rural galega cos superpoderes e o mundo do cómic, creando unha proposta escénica que combina teatro actoral e de monicreques. Interpretada por Uxía Algarra e Roberto Casal Mouriño, a obra está pensada para públicos de todas as idades, co obxectivo de xerar comunidade ao redor das artes escénicas e ofrecer unha experiencia entretida e educativa para todas as xeracións.
A representación terá lugar a bordo da “Utópica Rodante”, unha caravana escénica que percorre as vilas galegas levando a maxia do teatro a pé de rúa.