Silleda acolle os días 20 e 21 de febreiro un taller e concurso de montaxe de moscas de pesca

Silleda, 15 de xaneiro de 2016. A Sociedade de Caza e Pesca de Silleda organiza os vindeiros 20 e 21 de febreiro un Taller e Concurso de Montaxe de Mosca. O presidente da entidade, Jesús Pérez Caramés, presentou hoxe a iniciativa xunto co alcalde, Manuel Cuiña e a concelleira de Deportes, Ana Luisa González.

A cita terá lugar no Hostal Casas Novas de Silleda e comezará co taller a xornada do sábado (mañá e tarde) dirixido a todos os afeccionados que estén interesados en participar. Estarán presentes 4 maestros artesáns de montaxe de aparellos de pesca: Fernando Comba, Óscar Gayoso, Julio Seijas e Manolo García, que amosarán aos afeccionados que se acheguen a  realización de aparellos coma a mosca afogada, mosca seca, ninfas e peixes artificiais, entre outros. A entrada neste taller, que se realiza por segundo ano en Silleda, é libre e gratuita.

Pérez Caramés destaca que esta cita “é posible grazas ao apoio dos montadores artesáns galegos, que xa o ano pasado estiveron presentes en Silleda”, engade, “así como á colaboración do Concello do Concello de Silleda na realización do que será o primeiro concurso de montaxe”, engade.

No certame destaca a presenza do galego David Arcay, dúas veces campión do mundo na modalidade de salmónidos-mosca, que realizará unha exhibición o domingo 21, ás 10.00 horas. “É unha honra contar coa presenza desta campión mundial, un mestre galego que vén a realzar a cita de Silleda”, sinala Caramés.

O domingo 21 a cita será coa primeira edición do concurso de montaxe de mosca, que terá lugar pola mañá. Está dirixido a afeccionados xa nestas artes. As bases do concurso poden consultarse na web da entidade (www.tecorsilleda.es/pesca/novas). Realizarase unha selección a través do currículum de méritos dos interesados que deben de presentar tamén algunha creación.

O Concurso repartirá un total de 450 euros en premios (250 para o primeiro clasificado, 100 euros para o segundo e 50 para o terceiro) e sortearase ademais entre os asistentes unha cana cola de rata de carbono e un carrete para ninfa.

Dende  o Concello, que colabora na organización do evento, o alcalde e a concelleira de Deportes destacan o traballo realizado pola entidade silledense “que continúa apostando por dinamizar esta modalidade deportiva con iniciativas coma esta, que sen dúbida atraerá a un bo número de afeccionados ata o municipio”, engade Cuiña.

Pérez Caramés reitera o agradecemento da Sociedade aos Artesáns da Pesca “que nos farán disfrutar un ano máis co seu esforzó e adicación” e ao Concello de Silleda polo apoio a este evento.

De xeito paralelo ás xornadas tamén está previsto que dende a Asociación de Hostalería de Trasdeza se organicen un evento culinario relacionado con productos da pesca.