-O espectáculo de Mamá Cabra, abre o día 24 de abril o programa, que continuará o sábado seguinte co festival solidario
-As actuacións, no auditorio da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, están destinadas a recadar fondos para o programa de Vacacións en Paz
Silleda, 8 de abril de 2016. O municipio de Silleda acolle por cuarto ano consecutivo o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharauí, con actividades que se desenvolverán ao longo dos dous últimos fins de semana de abril, organizadas pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) en colaboración co Concello de Silleda.
O programa, que foi presentado hoxe, comeza o vindeiro domingo, 24 de abril co concerto – teatro para público familiar de Mamá Cabra, un grupo musical pioneiro na creación de espectáculos para a infancia, que presentará “15 primaveiras”, o espectáculo co que a compañía celebra o seu 15 aniversario. A actuación terá lugar no Auditorio da Semana Verde en Silleda, ás 19.00 horas, e terá un custe de 3 euros en venta anticipada, e 5 euros en taquilla.
O sábado seguinte, tomará o relevo o festival solidario “Por un Sáhara Libre”, presentado polo cantante e escritor galego Xurxo Souto. A cita será tamén no Auditorio da Semana Verde, a partires das 22.00 horas, e contará coas actuacións do grupo percusionista vigués Pelepau, Pandeiromun, (unha banda musical de Santiago), o Cuarteto Caramuxo, (que en realidade é un sexteto que interpreta música tradicional galega dende unha óptica contemporánea, e a banda de música folk, Coanhadeira. A foliada solidaria porá o fin de festa. O prezo das entradas para este festival será de 5 euros en venda anticipada, e de 8 euros en taquilla.
As entradas para calquera dos dous eventos estarán á venda en Silleda, (Salón de Té, Cafetería Maripepa, Café Bar Pukará e na Casa do Concello), en Bandeira, (Arume, e A Taberna do Músico), Lalín, (Café de Mili e A Tasca), Rodeiro, (Café Pub Quirós), Vila de Cruces, (Cafetería Galicia) e en A Golada, (Ramón Tenda).
O alcalde, Manuel Cuiña, que participo una presentación, xunto coa concelleira de cultura, María José Fernández, e o responsable comarcal, Pablo Romeo, sinalou que “para Silleda é un orgullo que ano tras ano se siga contando co municipio para realizar esta programación, cun cartel ambicioso e actuacións de primeiro nivel”, e animou aos veciños a acudir aos espectáculos.
O coordinador do colectivo Solidaridade Galega co Pobo Saharauí, Pablo Romeo, agradeceu a colaboración ó Concello de Silleda, e explicou que os fondos recadados se destinarán ao programa Vacacións en Paz, grazas ao cal, nenos e nenas saharauis, de entre 8 e 12 anos, que viven no exilio nos campamentos de refuxiados, poden ser acollidos por familias galegas e desfrutar de dous meses de vacacións afastados das duras condicións de vida no deserto.
Prazo de acollida aínda aberto
Dende a Asociación, Pablo Romeo tamén explicou que aquelas familias que desexen acoller este verán nenos/as saharauis dentro do programa Vacacións en Paz aínda poden formular solicitudes ata finais de mes. De feito, este ano Silleda volve a contar con dúas familias que se prestaron á acollida e que durante dous meses contarán cun neno ou nena saharauí, conseguindo así “un vínculo que perdura durante varios anos”, tal e como comentaron o alcalde Manuel Cuíña, e Pablo Romeo.