Silleda acolle un programa gratuíto de capacitación dixital impulsado por Amicos

O Concello de Silleda e a entidade  Amicos, pon en marcha un Programa de Capacitación Dixital dirixido a persoas de entre 16 e 64 anos, tanto ocupadas como desempregadas, con ou sen discapacidade, co obxectivo de reforzar as competencias tecnolóxicas da cidadanía e reducir a fenda dixital.

Trátase dunha iniciativa 100 % subvencionada pola Xunta de Galicia, polo que a participación é totalmente de balde.

O programa está deseñado como unha formación integral adaptada ás distintas idades e necesidades, promovendo o uso responsable da tecnoloxía e o empoderamento das persoas na contorna dixital actual.

A formación estrutúrase en seis píldoras formativas, cunha duración de 7,5 horas cada unha:

  • Empregabilidade dixital: do perfil ao emprego
  • Intelixencia artificial para a procura de emprego
  • Ciberseguridade práctica: protexe a túa vida dixital
  • Seguridade e benestar dixitais para nenos
  • Ferramentas básicas para a era dixital
  • Habilidades dixitais avanzadas

En total, o programa suma 45 horas de formación, das que 30 serán presenciais e 15 en modalidade de teleformación. As sesións presenciais desenvolveranse na Casa da Xuventude os días 16, 17, 23, 24, 26 e 27 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición no Departamento de Benestar Social do Concello de Silleda ou chamando ao teléfono 986 59 20 37 ata o vindeiro 12 de marzo.

Desde o goberno municipal destácase a importancia de achegar este tipo de iniciativas ao municipio, facilitando ferramentas prácticas que melloren a empregabilidade, a seguridade dixital e a autonomía tecnolóxica da veciñanza nun contexto cada vez máis dixitalizado.