Silleda, 5 de maio de 2014. Silleda acollerá o vindeiro domingo día 18 de maio unha Feira de Artesanía, organizada por artesáns locais e coa que colabora o Concello, a través do departamento municipal de Cultura.
A cita celebrarase na rúa Pintor Colmeiro durante toda a xornada, entre as 10.00 e as 21.00 horas. Ademais de produtos artesanais tamén se poñerán á venda antigüidades, artigos de segunda man e de repostería caseira. A día de hoxe hai inscritos 40 postos, con artesáns de Silleda outras localidades da comarca de Deza-Tabeirós e de outras moitas localidades galegas (Ribadavia, Boiro, Lugo…). Coiro, artigos de decoración vintage, xogos e xoguetes antigos, xabóns naturais, arte floral, tornería, pirografía, bisutería e complementos feitos a man… son algunhas das propostas que formarán parte da oferta coa que se atopará o público que acuda á feira. Todas aquelas persoas que estén interesadas en participar nesta feira, poden poñerse aínda en contacto cos organizadores a través do número de teléfono 680 411653.
Esta é a primeira vez que se celebra na localidade unha feira deste tipo, organizada polos propios artesáns. Dende a organización e a Concellería de Cultura anímase ao público a acudir a este certame a través do que se da a coñecer o traballo dos artesáns.
“É de eloxiar que esta feira xurdira precisamente da man dos artesáns locais, un gremio no que moitos emprendedores están a atopar unha alternativa ante a situación económica actual”, indica a concelleira, Margarita Campos, que amosa o apoio do Concello ao certame para que poida ter continuidade.