Silleda, 23 de abril de 2019. A Casa da Cultura de Silleda acollerá o vindeiro martes 7 de maio (20:30 horas) unha sesión informativa sobre comercio e Redes Sociais. A sesión está organizada pola asociación e Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS), en colaboración co Concello de Silleda. Será impartida, ao igual que a celebrada o pasado día 10 por Dhais, e abordaránse cuestións como a situación actual do comercio local, o tipo de cliente actual, cambios no perfil do consumidor, os retos do sector ou algunhas claves para revitalizalo.
As redes sociais e a súa potencialidade centrarán esta sesión informativa a que tamén poderán asistir todas aquelas persoas interesadas.
“Consideramos que se trata dunha xornada moi interesante para o comercio xa que as redes sociais están á orde do día e son unha ferramenta máis para os representantes do sector”, explica a presidenta de ECOS, Yolanda Mato.
Dende o Concello de Silleda, a responsable municipal de Emprego, Ana Luisa González, lembra que este tipo de propostas informativas xurdiron precisamente nunha reunión que mantivo cos comerciantes xunto co responsable municipal de Comercio, Benito Saavedra, na que se falou da colaboración entre ambas entidades para apostar pola formación en cuestións como as redes sociais.
O pasado día 10 celebrouse tamén outra sesión sobre emprendemento impartida tamén por Dhais, unha firma creada por dous emprendedores silledenses que naceu ao amparo do viveiro de empresas do IES Laxeiro de Lalín.