O programa municipal mantén propostas xa consolidadas como a ximnasia de mantemento, a musicoterapia xerontolóxica, o pilates e os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva
Silleda, 1 de setembro de 2025.- O programa Silleda Activa, impulsado polo departamento municipal de Benestar Social e dirixido a persoas maiores de 65 anos ou pensionistas, deu comezo hoxe cunha oferta variada para favorecer a saúde física e mental.
As sesións de musicoterapia en Silleda estrearon esta nova edición do programa, que arranca con máis de 130 persoas inscritas.
A principal novidade desta edición é a incorporación do aerobic, unha actividade que combina exercicio cardiovascular con música, ideal para mellorar a resistencia, a coordinación e o estado de ánimo. As sesións terán lugar no Centro Social de Silleda os mércores de 12:00 a 13:00 horas e os venres de 9:10 a 10:10 horas (20 euros ao mes). Ademais, ante a demanda, terá lugar tamén no Centro Social de Bandeira os luns ás 11:15h e os venres ás 10:30h.
Xunto a esta novidade, o programa mantén propostas xa consolidadas como a ximnasia de mantemento, musicoterapia, pilates e os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva, que permiten traballar forza, flexibilidade, equilibrio e capacidade cognitiva.
As actividades desenvolveranse nos centros sociais de Silleda e A Bandeira, ofrecendo horarios adaptados de mañana para facilitar a participación.
Todas as actividades arracan esta mesma semanas, e aínda quedan prazas vacantes en musicoterapia para as persoas interesadas en Silleda, xa que finalmente non se desenvolverá dita actividade en Bandeira. Repártese en dous grupos os luns e mércores: o primeiro de 9:15 a 10:15h e o segundo de 10:15 a 11:15h.
Para ter información detallada, as persoas interesadas poden acudir as dependencias municipais ou chamar ao 986 592 037.
Con esta nova edición, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas maiores. “Animamos a todas as persoas que nunca teñen participado no Club dos Maiores a que se inscriban e proben estas actividades, que lles permitirá non so mellorar a forma física senón tamén compartir tempo con outros veciños e veciñas”, subliña a alcaldesa, Paula Fernández, que hoxe participou no primeiro obradoiro xunto ca concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño.
