Silleda, 21 de novembro de 2025. O Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura, pon en marcha unha nova edición do certame #VaiDeParroquias, unha iniciativa xa consolidada na programación do Nadal e que busca fomentar a participación veciñal, dinamizar o territorio e poñer en valor a riqueza das 33 parroquias do municipio.
Baixo o lema “Misión Elfos 33: na procura dos agasallos perdidos”, o concurso desta edición propón unha aventura lúdica por todo o termo municipal na que as persoas participantes deberán atopar os 33 elfos agochados en diferentes localizacións de interese, fotografarse con cada un deles e completar a lámina do Obradoiro de Xoguetes —dispoñible na web municipal— cos números asignados a cada elfo. A imaxe oficial do certame, que recrea un taller cheo de elfos en plena actividade, marca a estética da campaña deste ano.
O obxectivo do certame mantén a súa esencia: promover a interacción social, reforzar o sentimento de pertenza e impulsar o coñecemento do patrimonio local, ademais de incentivar un turismo de proximidade, convidando á veciñanza e visitantes a descubrir Silleda dun xeito divertido e participativo.
Como participar
Segundo recollen as bases da convocatoria, que xa están dispoñibles na web municipal (www.silleda.gal), poden participar todas as persoas maiores de idade que formalicen a súa inscrición a través do formulario dispoñible na web, Non poderán inscribirse aquelas que resultaron gañadoras na edición anterior.
A dinámica do concurso consiste en Descargar a lámina do Obradoiro de Xoguetes e o mapa con pistas na web municipal, localizar os 33 elfos distribuídos polas parroquias, fotografarse con cada un deles, cubrir a lámina co número correspondente a cada figura e por ultimo enviar as 33 fotos e a lámina completa ao correo cultura@silleda.gal, xunto co formulario asinado.
A documentación poderá enviarse ata o 2 de xaneiro ás 23:59 horas.
Un premio para seguir descubrindo o territorio
As persoas que completen o reto entrarán no sorteo dunha estadía de 4 días en autocaravana para 4 persoas, para desfrutar en tempada baixa de 2026. O sorteo será público e celebrarase o xoves 8 de xaneiro de 2025 ás 20:00 horas no Salón de Actos da Casa do Concello.
Unha iniciativa que medra cada ano
Tal e como se recollía nas edicións anteriores do certame , #VaiDeParroquias converteuse nunha proposta especialmente agardada pola veciñanza, que combina actividade física, convivencia interxeracional e descubrimento do medio rural. Nesta ocasión, o cambio temático —dos buzóns máxicos do ano pasado aos elfos do taller de xoguetes— incorpora un elemento máis visual, aventureiro e vinculado á maxia do Nadal.
Dende o Concello de Silleda, a alcaldesa, Paula Fernández, anima á cidadanía a participar. “#VaiDeParroquias é unha oportunidade para redescubrir quen somos como comunidade. Cada parroquia ten un valor único, e este certame convértese ano tras ano nun xeito divertido, familiar e participativo de vivir o Nadal en Silleda”. Destaca tamén que iniciativas coma esta permiten “activar o territorio, apoiar o rural e ofrecer un Nadal diferente que pon en valor o noso patrimonio humano, cultural e natural”.
Silleda Fai Nadal, con máis de 3.500 euros en premios para o comercio
Por outra banda, tamén no marco da programación de Nadal que será presentada nos vindeiros días, segue aberto ata o vindeiro luns día 24 o prazo para participar no certame de decoración Silleda Fai Nadal, que alcanza xa a súa sexta edición. En total repartiranse 3.525 euros, consistentes en vales para consumir no comercio e a hostalería local.
- BASES- VAI DE PARROQUIAS 25-26
- Ficha de inscrición _ Vaideparroquias
- Vai de Parroquias Lámina Obrador de Xoguetes
- MAPA E PISTAS VAI DE PARROQUIAS. MISIÓN ELFOS 33
- Xeolocalización dos Elfos (en caso de rendirse ante as pistas….)
https://maps.app.goo.gl/JKgwXqxkvskNS8pv8
