-
Grandes paneis con códigos QR facilitarán información sobre que ver, que facer, onde comer, onde durmir ou onde comprar
-
O obxectivo é dinamizar o tecido socioeconómico do municipio ao tempo que se promociona o seu patrimonio natural e cultural
O goberno de Silleda lanza unha campaña turística para facilitarlle información sobre os seus atractivos aos milleiros de persoas que se achegan á localidade para participar nas oposicións que se desenvolven no recinto feiral, competir en torneos deportivos, desfrutar de espectáculos culturais ou intervir en actividades sociais.
O obxectivo é que estas persoas, que en moitos casos veñen acompañadas das súas familias, poidan aproveitar o máximo o tempo que pasen no municipio ou mesmo animarse a prolongar a súa estadía ao coñecer todo o que poden ver e facer en Silleda. Esta información complétase cunha guía de establecementos de restauración, aloxamento e comerciais para que poidan saber onde comer, onde durmir ou onde comprar.
Esta campaña turística apóiase na instalación de grandes paneis fixos nos accesos ao recinto feiral, así como paneis desmontables que se levarán a todos aqueles eventos deportivos, sociais e culturais que mobilicen un número relevante de visitantes. Todos os paneis contan cun código QR vencellado á páxina web municipal na que se recollen os distintos recursos turísticos divididos en catro bloques: Onde comer, Onde durmir, Onde mercar e Que visitar.
A tenente de alcaldesa e concelleira de Turismo, Mónica González, explicou que a campaña ten dúas vertentes. “Por un lado, queremos aproveitar a presenza destes visitantes para dinamizar socioeconomicamente o noso territorio e, polo outro, queremos dar tamén a coñecer os nosos recursos turísticos”.
Para a posta en marcha desta campaña, o Concello leva varios meses recompilando información dos establecementos hosteleiros, hoteleiros e comerciais, dándolle a oportunidade ás persoas propietarias de fixar na web municipal a información que considerasen relevante.
Esta información manterase viva, é dicir, que o empresariado poderá rectificala, suprimila ou ben ampliala, de tal xeito que “no mesmo día chegue ás persoas usuarias xa corrixida”. “Con este sistema de códigos QR eliminamos o problema que teñen os folletos turísticos tradicionais de quedar obsoletos en pouco tempo, á vez que contribuímos ao coidado do medio ambiente reducindo o uso do papel”, sinalou Mónica González.
Ademais do código QR, a campaña incorpora unha mensaxe de benvida a Silleda con imaxes de paraxes naturais e actividades que se desenvolven no municipio. O mosteiro de Carboeiro, a fervenza do Toxa ou a igrexa de Silleda combínanse con fotografías das nosas bandas e grupos tradicionais “nunha clara demostración do que somos: natureza, patrimonio e arte”, incidiu a concelleira.