Silleda arranca os actos centrais da conmemoración do 25N cunha performance colaborativa

  • Dende o Concello convídase á veciñanza a participar na mesma o sábado 23 ás 18: 00 horas

  • O acto institucional celebrarase o propio 25 de novembro 

 

O Concello de Silleda iniciará este fin de semana os actos conmemorativos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, adaptando a programación inicialmente prevista para o propio luns día 25 debido á previsión de choiva.

Así, a performance colaborativa trasládase ao  sábado 23, ás 18:00 horas, xa que é unha actividade que se necesita facer na rúa.  O acto arrancará co acendido da fachada da Casa do Concello en cor morada, símbolo do compromiso do municipio na loita contra a violencia de xénero. Ademais, coa axudas das veciñas e veciños que se acheguen a participar, celebrarase a homenaxe ás irmás Mirabal, cunha performance colaborativa na que, usando a fachada do concello, instalaranse 1.282 bolboretas, unha por cada muller asasinada por violencia machista desde que existen rexistros oficiais. Cada bolboreta levará escrito o nome dunha vítima como lembranza e recoñecemento a todas elas.

Durante o proceso creativo, soarán nos altofalantes municipais os nomes das 1.282 vítimas de violencia de xénero, gravados polo alumnado do IES Pintor Colmeiro e o CPR María Inmaculada, nunha homenaxe sonora que busca visibilizar e dignificar cada vida perdida.

As irmás Mirabal, (Patria, Minerva e María Teresa)  coñecidas como As Bolboretas, foron tres activistas dominicanas  que loitaron contra a ditadura de Trujillo e que o  25 de novembro de 1960 foron brutalmente asasinadas polos axentes do réxime, nun intento de silenciar a súa loita pola liberdade. Na súa  memoria, esta data foi proclamada polas Nacións Unidas como o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, simbolizando a loita global contra a opresión e a violencia de xénero.

Acto institucional do 25 de novembro

O acto institucional central manterase o propio luns as 20:30 horas, pero trasladarase ao Salón de Plenos do Concello debido ás condicións meteorolóxicas.

Nesta ocasión, a (in)VISIBLE de novembro, Belén Liste Lázara, que representa ás persoas que loitan día a día contra esta lacra, será a encargada de dar lectura a un  manifesto redactado por ela mesma.

Con esta iniciativa, o goberno local quere poñer en valor o traballo diario de quen combate a violencia de xénero e darlles voz ás súas experiencias e reflexións.

O acto contará tamén coa colaboración especial da Banda de Música Municipal de  Silleda. Varias integrantes da formación realizarán unha actuación en homenaxe a todas  as vítimas.

Con estas accións, o Concello de Silleda reafirma o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero, convidando á cidadanía a participar activamente neste recoñecemento colectivo.