Silleda, 1 de maio de 2017. O vindeiro martes día 9 celébrase o Día de Europa, unha efeméride que chegará por primeira vez a Silleda logo de apostar polo irmandamento con localidades doutros países da UE. Así, e nun acto organizado polo municipio francés de Canéjan, Silleda estará presente grazas ás novas tecnoloxías nesta celebración, na que se conmemora a chamada Declaración de Schuman , coa que o este ministro fracés deu o primeiro paso para a integración dos estados europeos.
Cunha conexión vía Skype Caneján, Silleda e a localidade italiana de Poggio Mirteto conmemorarán o Día Europeo nun acto no que actuarán grupos e colectivos de cada localidade.
No caso de Silleda a cita será dende o Salón de Actos da Casa da Cultura onde actuará a Coral Polifónica Trasdeza. A conexión está prevista entre as 19:00 e as 20:00 horas.
“Esta será a primeira vez que Silleda participe na celebración do Día de Europa”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, reiterando as posibilidades que ofrece para o municipio a participación en proxectos comúns con outros pobos europeos e convidando aos veciños e veciñas a participar neste acto.
Este acto vén a reforzar os lazos silledenses coa localidade francesa, situada na rexión da Aquitania, coa que se asinará o documento definitivo de irmandamento o vindeiro mes de agosto, logo do compromiso ratificado en decembro coa visita a Silleda dunha delegación de Canejan.
Nesta localidade, preto de Bourdeaux, terán lugar entre o 22 e o 27 de agosto distintos actos culturais no que estarán presentes tamén grupos silledenses logo do sorteo celebrado a pasada semana.