Silleda comeza a sancionar as grandes operadoras por non pagar as taxas que lle corresponden

Silleda, 3 setembro de 2016. O Concello de Silleda vén de iniciar o procedemento sancionador contra as grandes compañías eléctricas e operadoras de telefonía polas taxas de ocupación das vías públicas, unha taxa que deben de abonar as grandes compañías operadoras de sectores como a telefonía, gas, electricidade…

 En novembro do pasado ano contratáronse os servizos da consultora Bonafide para revisar as taxas que estaban a ingresar estas compañías nas arcas municipais e detectar posibles incumplimentos na declaración de ingresos.

O alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña, explica que a consultora xa emitiu o primeiro informe do traballo realizado dende novembro, “un traballo que xa está a dar os seus primeiros froitos ao confirmarse que efectivamente estas empresas non fixeron as liquidacións que lle correspondían”, explica.

Grazas a esta revisión as arcas municipais ingresarán , -tendo en conta a inspección feita ata o de agora- preto de 28.000 euros.

As actuacións inspectoras iniciáronse comunicándose a apertura de expediente e requerimento de documentación ás 23 empresas que operan a día de hoxe no municipio silledense, para revisar os ingresos aportados no periodo comprendido entre os anos 2011 e 2014.

“Logo de analizar a documentación aportada comprobouse que algunhas empresas non estaban declarando correctamente os ingresos que obteñen por prestar servizos en Silleda, e en consecuencia estaban pagando menos do que lle correspondía ao Concello”, explica o rexedor.

A día de hoxe xa se asinaron 8 actas de conformidade, que levan asociadas as multas correspondentes.  Coa inspección a estas 8 empresas Silleda ingresará 25.796,77 euros.

Ás cantidades detectadas que non se declararon se lle suman ademais os intereses de demora e a sanción correspondente. As cifras oscilan entre os 700 euros e os case 8.000 euros que terá que pagar algunha destas oito empresas por non ter feito os ingresos que lle correspondían nos últimos anos.

Hai outros 4 casos nos que constatou que as declaración presentadas foron as correctas e outras tantas que a pesar de contar con clientes no termo municipal de Silleda non están realizando os ingresos que lle correspondente. Neste último caso a liquidación a favor do Concello ascende a 2.107,41 euros

Así, en total, o Concello de Silleda liquidou ata hoxe –dende que se iniciou a inspección destas taxas con carácter retroactivo- un total de 27.904,18 euros.

“Seguramente esta cantidade seguirá aumentando, o que demostra que acertamos cando contratamos esta asistencia técnica”, sinala o alcalde, que explica que con esta inspección queremos continuar mellorando a xestión na recadación de impostos, centrando os esforzos nestas grandes compañías, que son as que realmente deben de tributar polos beneficios que obteñen”, explica Cuiña.

 

 

 

Aumento dos ingresos municipais

O responsable municipal de Facenda advirte que con este tipo de iniciativas “estamos a conseguir un aumento histórico nos últimos anos no orzamento municipal acadando máis recursos e sen incrementar os impostos e taxas aos nosos veciños e veciñas”, explica.

Dende a chegada do novo goberno municipal ao Concello melloráronse e ampliáronse os ingresos das taxas das compañías enerxéticas e operadoras de telefonía. Así, no ano 2011 as arcas municipais ingresaron preto de 120.000 euros por estas taxas. “A maioría desta cantidade correspondía aos exercicios de 2009 e 2010 que estaban entonces sen cobrar porque o executivo anterior nin sequera se molestou en reclamarle estes cartos ás empresas, cando é a nosa obriga e responsabilidade  velar porque este tipo de compañías paguen relixiosamente os seus impostos, aportanto ao Concello recursos que poidan reinvertirse na mellora de servizos e a calidade de atención aos nosos veciños”, remata o alcalde.