Silleda, 25 de novembro de 2014. O Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda acolleu hoxe o acto central do programa “Máis Violeta”, que dende hai tres anos vén formando parte das iniciativas en materia de prevención da violencia de xénero.
Hoxe, Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero, celebrouse de novo a concentración, coa cor violeta, símbolo da loita contra esta problemática social, como protagonista. Ao acto acudiron representantes do Concello, co alcalde Manuel Cuíña e varios concelleiros do grupo de goberno, concelleiros dos outros dous grupos municipais e representantes dos centros educativos do municipio, así como das Forzas do Orde (Garda Civil e Policía Local), do Centro de Saúde, e numerosos veciños e veciñas que se sumaron á iniciativa.
Tamén participaron alumnos e alumnas do IES Pintor Colmeiro que deiraron nas árbores as súas mensaxes. Tamén se repartiron sementes de Violetas, bolígrafos e material de difusión sobre os programas preventivos.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Dolores García, foi a encargada de ler este ano o Manifesto contra a Violencia de Xénero, logo do que se gardou un minuto de silencio polas máis de 40 vidas que xa segou no que vai de ano en España esta lacra social.
“A violencia de xénero é un atentado directo e inmediato á dignidade das mulleres, aos seus dereitos individuais, á súa calidade de vida e a súa saúde física e mental. A loita contra esta lacra esixe un compromiso de todas e cada unha das persoas que conformamos a sociedade, un compromiso persoal, de cada institución, de cada colectivo e organización. Se non nos implicamos na súa erradicación, seremos cómplices da súa perpetuación”, recolle parte do manifesto, no que Dolores García tamén lembrou os pasos dados dende o Concello, coa creación da concellería de Igualdade, a creación da Mesa para a Erradicación da Violencia de Xénero ou do itinerario de recursos, que se presentou en 2013.
O programa silledense continuará esta tarde coa actividade “Sete películas máis unha . Cine e violencia de xénero”, que se celebrará no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira (20.30 horas) a cargo de Upalusa Comunicacións Audiovisuais.
As redes sociais tamén son protagonistas do programa Máis Violeta , con sesión que continúan mañá mércores (de 15.00 a 16.40 horas) no colexio María Inmaculada, e coa campaña de concienciación “E ti que dís?”, deixando mensaxes no facebook e no blogue do CIM de Silleda.