Silleda, 28 de febreiro de 2015. O Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda está a desenvolver no CEIP de Silleda un amplo programa para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebra o vindeiro 8 de marzo.
Enmarcado no programa Coeducamos e subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo, a actividade que comezou xa o pasado día 20 chega baixo o título Contos de Nais e Pais, que busca xerar conciencias de cambio integrando os papeis das mulleres e dos homes para lograr obxectivos como sensibilizar á poboación sobre os erros que se transmiten tradicionalmente sobre os roles do home e da muller; convidar á reflexión ante a sobrecarga de tarefas domésticas e familiares da muller ou desmontar o estereotipo tradicional masculino no ámbito doméstico.
No programa está a participar o alumnado de 4º e 6º de Primaria, con iniciativas que conxugan actividades de coeducación co mundo audiovisual.
O proxecto articulase en varias liñas de intervención coa intención tamén de extrapolar aos fogares a reflexión que fan os alumnos e alumnas nas aulas, implicando así a pais, nais e á poboación en xeral.
Celebráronse xa obradoiros baixo o título “Cambiamos de prota” e “Cambiamos o conto”, con reflexións, traballos, gravacións, e actividades sobre cambios de roles extrapolados aos fogares. Tamén se está a celebrar un obradoiro de cartelería coa elaboración de slogans e carteis sobre diversos aspectos relacionados coa igualdade. O material colocarase por todo o centro o vindeiro martes 3.
Por outra banda, o alumnado de 6º está a traballar na grabación dunha curtametraxe sobre os roles masculino e feminino. Os propios nenos e nenas están a ser protagonistas de todo o proceso de elaboración deste proxecto creativo que propicia ao mesmo tempo reflexións críticas sobre a temática, posta en común, debate… convertíndose ao mesmo tempo nun proceso de aprendizaxe.
A curta, a modo de colofón de “Contos de nais e pais” estrearase no CEIP de Silleda o vindeiro día 10 de marzo , nunha proxección aberta á comunidade educativa e ao público en xeral, para conmemorar o Día Internacional da Muller.