Silleda contará con 17 prazas nos “Campamentos A Lanzada” 2026 da Deputación de Pontevedra.

O Concello de Silleda informa de que o municipio contará cun total de 17 prazas no programa provincial “Campamentos A Lanzada” 2026, promovido pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico.

Segundo a distribución oficial realizada en función da poboación (INE 2025), das 17 prazas asignadas a Silleda, 14 corresponden ao procedemento xeral e 3 están reservadas ao procedemento específico, destinado a menores en situación ou risco de exclusión social. Estas últimas tramitaranse a través dos servizos sociais municipais, co obxectivo de garantir o acceso ao programa en condicións de igualdade.

O programa desenvolverase no Centro de Vacacións A Lanzada, no Grove, entre o 21 de xuño e o 5 de setembro de 2026, en once quendas de sete días de duración (de domingo a sábado). En total, a Deputación oferta 1.540 prazas para toda a provincia.

“Campamentos A Lanzada” ofrece un completo programa de actividades socioculturais, recreativas, deportivas e ambientais que combina natureza, deporte, xogos, ciencia, arte, cultura e lingua inglesa. A iniciativa aposta pola educación en valores como a igualdade, o respecto, a convivencia, a cooperación e o coidado do medio, nun entorno privilexiado como é A Lanzada.

As prazas adxudicaranse mediante sorteo público realizado por medios informáticos, garantindo unha distribución equilibrada entre nenas e nenos en cada quenda. O sistema dará prioridade ás persoas que non obtiveron praza na edición anterior e facilitará que irmáns e irmás incluídos nunha mesma solicitude poidan coincidir na mesma quenda, favorecendo así a conciliación familiar.

O prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 20 de marzo, e as bases reguladoras foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

As solicitudes deberán presentarse preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra, no seguinte enlace:
https://sede.depo.gal

Toda a información detallada sobre prazos, documentación e procedemento está dispoñible na propia sede electrónica. Para máis información, as familias tamén poden dirixirse aos servizos municipais correspondentes.

Desde o Concello de Silleda destácase a importancia deste programa como unha oportunidade para que a mocidade do municipio poida desfrutar dunha experiencia educativa e de convivencia durante o verán, ao tempo que se apoia ás familias na organización do período estival.