Silleda contará con once novos operarios/as a través do Plan Concellos da Deputación

Silleda, 21 de febreiro de 2018. O Concello de Silleda contará con 11 novos operarios por un periodo de 9 meses, dende o 1 de abril e ata o mes de decembro. Estas novas contratacións levanse a cabo a través do programa Plan Concellos, da Deputación de Pontevedra, organismo que vén de outorgar ao Concello de Silleda un total de 153.906 euros para levar a cabo esta iniciativa.

Ofertarase un posto de auxiliar administrativo, 3 de peóns varredores, 4 de peóns xardiñeiros, 2 peóns de albanel e un de peón de limpeza de edificios públicos.

Estes foron os postos solicitados polo Concello de Silleda a través deste plan dentro da chamada liña 3. Este persoal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra  de menos de 50.000 habitantes, dedicarase no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan obras e servizos.

A selección do personal farase ao igual que se vén realizando nos últimos anos a través do Servizo Galego de Colocación, (Oficina de Emprego), que enviará aos candidatos/as para realizar despois no Concello un concurso de méritos e  entrevistas. Estes contratos laborais serán a tempo completo, de 37,5 horas semanais.

 

“Un ano máis volvemos a contar con personal a través do Plan Concellos, unha medida que ademais de contribuir a creación de emprego no noso municipio tamén vén a mellorar a prestación de servizos aos nosos veciños”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.

Ademais das contratacións dende o Concello de Silleda estanse a levar a cabo distintas iniciativas relacionadas coa promoción do emprego como a realización de cursos de formación e orientación en colaboración con Redmur, ou a través do Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego, que volverá a incluirse este ano nos orzamentos municipais, con subvencións a fondo perdido para que as persoas en situación de desemprego poidan poñer en marcha o seu propio negocio.