Silleda, 13 de xaneiro de 2017. Hoxe quedou aberta ao público na Casa Consistorial de Silleda a exposición fotográfica “Éxodus, na proucura de refuxio”, con imaxes dos fotoxornalistas galegos Adrián Irago e Felipe Carnotto, que viaxaron ata os Balcáns para retratar o drama dos refuxiados.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Pili Peón, foi a encargada de dar a benvida aos alumnos e alumnas do IES Pintor Colmeiro e o Colexio María Inmaculada que participaron no acto de apertura, no que agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra con esta mostra.
Pola súa banda a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, apuntou que a finalidade desta mostra é “divulgar e informar sobre un drama que non nos pode ser alleo”, e lembrou aos mozos e mozas silledenses que “esta realidade está máis preto de nós do que pensamos”, indicou.
Pechou as intervencións o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña lembrando a situación que viviu España coa Guerra Civil “coa que tamén sufriron e pola que moitas persoas tiveron que deixar o seu fogar”. “O que pasou aquí é o que está pasando agora en moitos desos países”, indicou Cuiña que reiterou que dende o Concello de Silleda se seguirá instando ás institucións a que tomen cartas na grave crise dos refuxiados para “que os pobos se axuden uns a outros, xa que o normal é que en España tamén devolvamos a solidariedade que tiveron con nós non hai tantos anos”, engadiu. O alcalde tamén fixo referencia á oferta de veciños de Silleda para acoller “e incluso dar traballo” a refuxiados realizada xa o pasado ano, “aínda que sorprendentemente o Goberno español sólo acolleu a uns poucos refuxiados alegando que non era a súa competencia”, engadiu.
A mostra Éxodus estará no consistorio silledense ata o vindeiro día 27, na primeira e segunda planta