O mércores comezarán as sesións no IES Pintor Colmeiro e o CEIP Ramón de Valenzuela. En decembro celebraránse tamén no CEIP Plurilíngüe de Silleda e no CPR María Inmaculada
O Concello de Silleda continúa traballando no seu Plan de Acción da Axenda 2030, neste caso coa celebración de sesións informativas nos centros educativos, que comezarán nesta mesma semana.
Así, este mércores día 27 terán lugar as sesións no IES Pintor Colmeiro e o CEIP Ramón de Valenzuela e o vindeiro mes de decembro continuarán no CEIP Plurilíngüe de Silleda e no CPR María Inmaculada.
Nestas sesións búscase implicar aos máis novos na implementación da Axenda 2030 a nivel local, adaptando á realidade silledense os obxectivos do programa de desenvolvemento sostible impulsado pola ONU para reforzar os ámbitos social, económico e ambiental.
Avanzado xa o proceso de diagnose para evaluar as necesidades do territorio (ca recollida da opinión da veciñanza a través de enquisas), o plan de acción tamén continuará nas vindeiras semanas cos grupos de discusión, nos que se analizarán e proporán as liñas a seguir .
Coas aportacións da veciñanza e o traballo do equipo técnico establecerase unha folla de ruta que axude a poñer en práctica os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para Silleda, único municipio de Galicia que conseguiu o pasado ano unha subvención do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para a implementación desta estratexia.