Silleda, 26 de febreiro de 2025. O Concello de Silleda contará cun total de 7 persoas como novas operarias por un periodo de 9 meses. Esta contratación levarase a cabo a través da Liña 3 do programa Máis Provincia, da Deputación de Pontevedra, organismo que vén financiando nos últimos anos esta iniciativa de contratación, no marco da loita contra o desemprego.
En total a subvención outorgada para estas contratacións ascende a 120.501,36 euros.
Para este exercicio, a oferta inclúe tres prazas de operarios varredores/as; outras dúas de operarios/as de bacheo; e 2 para operarios/as de servizos básicos, para a realización de tarefas vinculadas ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais do ano en curso.
Estes foron os postos solicitados polo Concello de Silleda a través deste plan dentro da chamada liña 3. Este persoal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, dedicarase no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan obras e servizos nos vindeiros meses.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases que rexerán no proceso de selección destas persoas, e que se realizará ao igual que se vén realizando nos últimos anos a través do Servizo Galego de Colocación, (Oficina de Emprego), que enviará aos candidatos/as para realizar despois no Concello un concurso de méritos e entrevistas. Estes contratos laborais serán a tempo completo, de 37,5 horas semanais.
Unha vez remitida a través da Oficina de Emprego a lista de persoas candidatas, procederase a realización das probas estipuladas nas bases.
“Un ano máis volvemos a contar con personal a través deste programa, unha medida que ademais de contribuir a creación de emprego no noso municipio tamén vén a mellorar a prestación de servizos á nosa veciñanza”, engade a alcaldesa, Paula Fernández Pena.