Celebrarase o venres 11 de outubro ás 20:30 na Casa do Concello
Tres profesionales silledenses compartirán a súa perspectiva sobre saúde mental: Raquel Romero, nutricionista; Gustavo González, fisioterapeuta; e Noemí Rilo, experta en benestar emocional
Este venres 11 de outubro, a Casa do Concello de Silleda acollerá a partir das 20.30 horas a presentación do Plan Municipal de Saúde Mental, unha iniciativa pioneira na comarca que ten como obxectivo abordar de maneira integral os retos e as necesidades en materia de benestar emocional. O acto contará coa intervención de tres profesionais silledenses que compartirán a súa perspectiva sobre a saúde mental dende distintos enfoques. O acto de presentación está aberto a toda a cidadanía.
Raquel Romero, técnica superior en Dietética e Nutrición e coach nutricional, abrirá a quenda de intervencións falando da estreita relación entre a alimentación e a saúde mental, posto que unha dieta equilibrada pode impactar positivamente no noso benestar emocional. A continuación, Gustavo González, fisioterapeuta e propietario de Heia Fisioterapia, abordará a importancia da actividade física para manter un bo estado mental, facendo fincapé na conexión entre corpo e mente. Finalmente, Noemí Rilo, licenciada en Ciencias Sociais e emprendedora coa apertura do centro Voilá para o coidado emocional, ofrecerá a súa visión sobre o impacto social do benestar emocional e a súa relación co éxito persoal e profesional.
Antes destas intervencións, Ángela Troitiño, Concelleira de Benestar Social presentarálle ao público asistente o Plan Municipal de Saúde Mental e dará a coñecer os obxectivos e as liñas de actuación que o conforman co obxectivo de previr, promover e atender as necesidades relacionadas coa saúde mental no noso municipio.
O acto será clausurado pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, quen incide en que “Silleda vai ser o primeiro concello galego de menos de 10.000 habitantes que conta cun plan de saúde mental. Isto demostra o noso compromiso co benestar dos nosos veciños, traballando para mellorar a súa calidade de vida e crear unha comunidade máis forte e saudable”.