- A reunión celébrase no salón de actos do propio viveiro de empresas a partir das 20.00 horas para coñecer as demandas
- Este plan xurde do convenio asinado entre o Concello e a Fundación Roberto Rivas
- O plan desenvolverase no segundo semestre deste ao
O Concello de Silleda e a Fundación Roberto Rivas van deseñar e por en marcha no segundo semestre deste ano o Plan de dinamización do viveiro municipal de empresas situado no polígono empresarial Área 33, para fomentar o emprendemento e acreación de novas empresas e a promoción de accións que axuden a consecución da Axenda 2030 no municipio.
Antes de elaborar ese plan, o Concello quere coñecer cales son as demandas dos empresarios e comerciantes do municipio, para poder incluílas no documento e facilitar que o viveiro de empresas atenda as necesidades do tecido produtivo de Silleda.
Por este motivo convoca ao tecido empresarial e comercial silledense, así como ao tecido social, a unha reunión informativa que se vai celebrar este luns, 22 de xullo, a partir das 20.00 horas, no salón de actos do propio viveiro de empresas.
“Queremos que este espazo teña moita mais actividade e que poida atender as necesidades do empresariado, fomentar o emprendemento, optimizar e xerar novas oportunidades e favorecer o networkin. E para conseguilo queremos coñecer primeiro cales son as necesidades e demandas das persoas e colectivos ao que está destinado”, asegura a alcaldesa, Paula Fernández.
Este plan de dinamización é unha das accións incluídas no convenio de colaboración asinado hai uha semana entre o Concello e a Fundación Roberto Rivas. A reunión deste luns servirá para axudar a establecer os criterios cos que se van desenvolver os traballos de redacción do plan de dinamización do viveiro municipal de empresas.