Silleda, 21 de febreiro de 2014. O municipio de Silleda contará cun grupo formado por persoas que teñen ao seu cargo familiares con Alzhéimer, e que se reuniría en principio unha vez ao mes. Esta iniciativa xurdiu a raíz da proposta feita na sesión formativa de grupo que se celebrou o pasado luns día 17 no Centro Social da localidade da man da Fundación Barrié e a Federación de Asociacións Galegas de Enfermos de Alzhéimer (Fagal), que veñen promovendo dende hai meses o chamado Programa Red Paraguas Alzheimer.
Este programa, a través do que se impulsa a creación do colectivo en Silleda naceu o pasado ano 2013. O que se busca con este proxecto é mellorar a calidade de vida das familias coidadoras de enfermos con Alzhéimer ou outras demencias. Nas sesións do grupo tamén se trata de aliviar a presión das familias coidadoras e evitar o seu illamento social e a merma da súa calidade de vida.
A concelleira de Servizos Sociais, Dolores García, apunta que a creación deste grupo de persoas que coidan dalgún enfermo con estas doenzas poderán beneficiarse deste programa Paraugas, con sesións dun grupo de apoio nas que poderán resolver dúbidas, compartir experiencias … “É tan importante prestar axuda aos enfermos coma as persoas que están ao seu coidado, porque este tipo de doenzas afectan de maneira especial ás persoas coidadoras”, engade a concelleira Dolores García, ao tempo que eloxia a iniciativa e o traballo de Fagal.
A creación do grupo de apoio coordinarase dende os Servizos Sociais do Concello de Silleda, declarada no ano 2012 localidade Solidaria co Alzhéimer. Dende o departamento contactarase coas familias das que se ten coñecemento que coidan a familiares aqueixados desta doenza (pola súa valoración como dependentes). Así mesmo, se calquera outra persoa que esté na mesma situación está interesada en formar parte da iniciativa, pode achegarse ata o Centro Social, onde se ubican os Servizos Sociais, para recibir información e inscribirse.