-Na revisión mantida hoxe cos representantes de Unións Agrarias, os dous rexedores acordaron a posta en común da bonificación de ata o 95% a favor de explotacións agrarias e gandeiras
Silleda, 07 de marzo de 2016. Os alcaldes de Silleda e Lalín, veñen de reunirse na tarde de hoxe cos representantes de Unións Agrarias para acordar a estratexia a seguir fronte á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.
Considerando por ámbalas partes que esta medida non ben senón a empeorar a xa de por sí precaria situación á que se enfrontan actualmente os agricultores e gandeiros da zona pola grande crise que está a sufrir o sector, os dous rexedores acordaron acollerse á normativa que permiten as bonificacións potestativas desta lei, que consiste nunha bonificación de ata o 95% da cota íntegra do imposto a favor dos inmobles nos que se desenrolen actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal, por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego, que xustifiquen tal declaración.
Dende Silleda, o seu alcalde comunicou que, a tal fin, e como primeira medida a tomar, no próximo pleno, que terá lugar o último xoves de marzo, farase unha declaración de industria estratéxica para o concello.
Feita esta declaración, abrirase a porta para poder conceder as bonificacións. En Lalín non se atreven a dar datas concretas polo momento, pero a liña “a decisión política está tomada e a liña a seguir é a mesma”.
“Dende estes dous concellos que viven maioritariamente do sector primario sabemos as dificultades tan grandes que están tendo os nosos gandeiros, así que, tal e como lle expuxemos ós representantes de Unións Agrarias tentaremos de axudalos na medida en que nos sexa posible”, comentaba o alcalde trasdezá.
Estas bonificacións que se pretenden aplicar ás cotas do IBI serán temporais e se poderán revisar se as condicións do sector agrícola e gandeiro mellora.
Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, tras sinalar o “momento histórico” que se está a vivir en canto ás relacións entre os dous concellos e resaltar o nivel “máximo de entendemento” dos dous rexedores dentro da política municipal, alega que “o que non imos permitir é todo tipo de información maliciosa que se está a transmitir polo rural, dicindo que esta situación é por culpa dos concellos, cando se sabe que todo isto ben por unha normativa superior ós concellos, nos non temos ningún tipo de interese, a pesar de que se poida recadar máis, en facelo, e de aí que vaiamos a intentar facer o das bonificacións”. “Hai outras normas catastrais coas que pouco podemos facer, como é a de intención de cobro de 60 euros a aquelas explotacións que se dean de alta, pero que quede claro que onde poidamos imos axudar, e que este tipo de decisións do cobro do IBI a estes inmobles ven dende administracións superiores rexidas polo Partido Popular”, continúa o alcalde.
En canto ó representante de Unións Agrarias, Román Santalla, valorou a axilidade dos dous alcaldes e os seus equipos de goberno en canto á reunión e as gañas de intentar solucionar o problema, e comentou que o Deza pode ser o espello onde se mire toda a comunidade con respecto ós acordos que se están a tomar con este tema.
“A posibilidade de chegar a que haxa esa bonificación da que falan os alcaldes de Silleda e Lalin para nos pode ser un avance moi importante en canto a intentar buscarlle unha saída a este problema”, indicaba Santalla.
“Teremos que convocar un comité e chegado un punto de avance, e dun posible acordo, informar un por un a todos os cidadáns do rural, de onde ven esta normativa e por qué se fai, qué pode supoñer, e que suporá este acordo. De chegar a un acordo vaise levar ata as últimas consecuencias, o que pretendemos é solucionar os problemas”, engade o representante do sindicato.
Un guante á Mancomunidade do Deza
Dende a xuntanza de hoxe en Silleda tamén se expuxo por parte dos dous rexedores, o desexo de que a Mancomunidade do Deza se sumase a esta iniciativa, porque consideran que son cuestións que deberían de estar por riba dos partidos políticos e que é un momento axeitado para a xunta de portavoces, que xa está pedida, e valorar este e outros temas.