Silleda firma un convenio de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

-O obxectivo do convenio é a regulación do desenvolvemento do programa “Vacacións en Paz 2016” durante os meses de verán

-Ademais o Concello de Silleda contribúe cunha pequena aportación económica para a axuda a sufragar os gastos derivados da execución do programa

 

Silleda, 6 de xullo de 2016.  O Alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, xunto coa concelleira de Benestar e Igualdade, Educación e Sanidade, Pili Peón, e o coordinador do colectivo Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Pablo Romeo, asinaron esta mesma mañá un convenio de colaboración entre as dúas institucións, co fin de regular o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz 2016 durante os dous meses de verán, no que nenos do pobo saharaui estarán no Concello de Silleda.

Este convenio ten coma obxectivos principais garantir os dereitos e necesidades fundamentais dos rapaces e rapazas que visiten o municipio trasdezá dentro deste programa,  así coma asegurar a súa integridade física e emocional, respectar as súas crenzas, favorecer a integración no seu medio durante a estadía no país, respectar o marco legal dos dereitos dos menores e garantir o regreso ao seu país coas súas familias.

Os obxectivos específicos que persigue o programa Vacacións en Paz son:

–         Reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauis a vivir no Sáhara Occidental e poñer de manifesto a situación na que viven actualmente.

–         Facilitar asistencia médica e alimentación

–         Promover, entre a sociedade galega, os valores de tolerancia e solidariedade, facilitando así a convivencia e a integración de todas as persoas na comunidade.

–         Perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelá e galega que estudan nos seus programas escolares.

–         Ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre.

–         E evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de verán, por teren que soportar temperaturas de máis de 50º.

Mediante a firma deste convenio, o Concello de Silleda responsabilizarase da difusión do programa e da colaboración na selección das familias acolledoras, a través dun técnico designado polo concello. Tamén se fará cargo do financiamento dos billetes dos nenos, que consiste neste caso na aportación de 500€ para sufragar os gastos da viaxe, así coma da recepción dos nenos, a entrega ás familias acolledoras e a despedida dos mesmos unha vez que finalice a súa estadía no concello.

A vixencia deste convenio rematará na data prevista para o retorno dos nenos saharauis, prorrogándose ao ano seguinte se o programa Vacacións en Paz continúa no concello e se ambas partes están de acordo.

Este ano, Silleda acolle a dous nenos saharauis en outras tantas familias que esperan recibilos na vindeira semana.