Esta actuación permite reforzar e mellorar este servizo municipal que se proporciona a persoas dependentes
O Concello de Silleda inicia o proceso de contratación de tres auxiliares da bolsa de emprego do SAF co obxectivo de cubrir substitucións por baixas e acumulación de tarefas por vacacións. O proceso de constitución desta bolsa, realizda pra reforzar o servizo e poder satisfacer as necesidades das persoas dependentes, rematou a mediados de xuño. Está previsto agora que as novas traballadoras se incorporen a mediados deste mes.
A creación da bolsa forma parte dunha serie de melloras que o Concello de Silleda leva implementando no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que xestiona a propia entidade local, dando así cumprimento aos compromisos acadados nas últimas reunións mantidas polo goberno municipal tanto coas auxiliares sociosanitarias como coas familias das persoas usuarias.
Asimesmo, xa está en funcionamento a aplicación CIBERSAD Profesional, que empregan as auxiliares e as traballadoras encargadas da coordinación do servizo para comunicarse e organizarse mellor as tarefas. Deste xeito, o emprego desta ferramenta dixital facilita o traballo entre ámbalas partes e a xestión do servizo.
Ademais, cabe destacar que as auxiliares xa recibiron a formación para o uso da devandita app nomeada e tamén un curso sobre a mobilización de persoas dependentes. Proximamente realizarase outro curso sobre habilidades sociais.