Silleda lémbralle a veciñanza: “Se non deixas a cabicha no chan da túa casa, non a tires na rúa”

O Concello utilizará círculos marróns nunha campaña de sensibilización para reducir a contaminación polos residuos do tabaco

Manuel Requeijo: “Debemos manter nos espazos públicos a mesma actitude que dentro dos nosos fogares e deixar o noso lixo nos sitios axeitados”

A medida enmárcase na implantación da Axenda 2030

O Concello vaise sumar á Rede Galega de parques sen fume

O Concello de Silleda foi un dos pioneiros en prohibir fumar nos recintos deportivos e nas piscinas municipais cunha ordenanza que está en vigor dende 2020. Agora da un paso máis e inicia unha campaña de sensibilización para que non se tiren as cabichas no chan. “A recollida de cabichas, tirándoas nas papeleiras ou nas zonas habilitadas, axúdanos a reducir a contaminación causada polo consumo e a eliminación irresponsable de produtos como o tabaco”. Con esta xustificación a concellería de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, que dirixe Manuel Requeijo, pon en marcha unha campaña de sensibilización para que non se tiren no chan os restos de tabaco.

Deixariasme no chan da túa casa? E o lema que figura nuns discos marróns que o Concello vai colocar nos espazos públicos onde se atopen restos de tabaco. O obxectivo: concienciar á cidadanía para que non tire as cabichas no chan. “Poden deixalas nas papeleiras, nos cinceiros que hai en moitos lugares ou levar un cinceiro persoal para despois tirar todos os restos no lixo”, engade Requeijo.

“Ningún fumador tira no chan da súa casa a cabicha do tabaco. Esta mesma actitude debemos mantela nos espazos públicos e na rúa”, engade o concelleiro de Transición Ecolóxica. Con esta campaña, o goberno local quere fomentar entre a veciñanza un consumo sostible e concienciala sobre a responsabilidade individual no manexo adecuado dos residuos. “Con pequenos xestos coma estes contribúese a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) que marca a Axenda 2030 que estamos a implementar en Silleda”, engade Manuel Requeijo facendo mención ao ODS número 12, que fala de produción e consumo responsable,
A iniciativa vaise poñer en marcha nos núcleos de Silleda e Bandeira para concienciar a toda a veciñanza da necesidade de que recollendo as cabichas contribúese a mellorar a limpeza e o aspecto da contorna urbana, promovendo así comunidades máis limpas e saudables, como marca o ODS 11 da Axenda 2030.

Nos discos marróns que vai distribuír o Concello de Silleda nesta campaña lémbraselle á veciñanza que o artigo 66 da Ordenanza de convivencia, residuos, limpeza viaria e ornatos establece a obrigatoriedade de recoller as cabichas. A normativa contempla sancións de entre 50 e 300 euros. Manuel Requeijo xa adianta que despois desta campaña de sensibilización o goberno local ten previsto impor as sancións que recolle a normativa vixente.

Medida pioneira en recintos deportivos e piscinas e Parques sen fume

Dende o goberno municipal lémbrase que o Concello de Silleda fois dos primeiros da zona en prohibir fumar nos recintos deportivos e nas piscinas municipais. Así, o 4 de febreiro de 2020 entrou en vigor a modificación da Ordenanza de convivencia, residuos, limpeza viaria e ornatos que establece ademais a obrigatoriedade de recoller as cabichas. Nesta campaña lembrarase ademais as sancións ás que se enfrontan as persoas que tiren as cabichas á vía pública, con sancións que van dende os 50 aos 300 euros.

Por outra banda, o Concello de Silleda sumarase á Rede Galega de Parques sen Fume, promovida pola Dirección Xeral de Saúde Pública, unha medida que foi acordada polos Plenos infantís dos centros de primaria do municipio e coa que se sinalizarán debidamente os parques da praza Juan Salgueiro de Silleda, parque da Praza da Igrexa e o Parque da Bandeira, e que se acompañará de labores de sensibilización e información sobre os prexuízos do consumo do tabaco.