-A apertura deste Centro ven de complementar o curso para coidadores xa impartido e os obradoiros de estimulación cognitiva para enfermos, que se seguirán celebrando ata decembro
Silleda, 29 de febreiro de 2016. O Concello de Silleda segue apostando polo programa de intervención sobre o Alzhéimer, e para iso abrirá dende o próximo mércores, día 2 de marzo o Centro de Información e Asesoramento sobre esta enfermidade, atendido por persoal especializado de AFAPO unha vez ao mes.
O centro situarase nas dependencias de Benestar Social, no Centro Social de Silleda, e estará aberto ao público cada primeiro mércores de mes ata decembro, en horario de 11:00 a 14:00 horas.
“O persoal de AFAPO estará a disposición do público para resolver calquera trámite administrativo, xurídico, ou social, relacionado con esta enfermidade”, sinala Pili Peón, a concelleira de Benestar Social.
A apertura do Centro de Información e Asesoramento ven de complementar o programa de intervención integral para persoas con Alzheimer e familias coidadoras, que se ven desenrolando en Silleda dende hai un ano, e que comezou cun curso formativo para coidadores/as e xente interesada na enfermidade, no que houbo 24 participantes, e que continuou cos obradoiros de estimulación cognitiva para enfermos, que se seguen impartindo tódolos martes e xoves na Casa da Xuventude, en horario de 10:30 a 12:30 horas.
“Dende o goberno municipal de Silleda queremos seguir apoiando aos enfermos e familiares, con iniciativas que deixan clara a nosa aposta polas políticas sociais”, explica o alcalde, Manuel Cuíña.
Segundo os datos da Afapo, a día de hoxe no municipio de Silleda hai un total de 102 veciños e veciñas que están diagnosticados xa con algún tipo de demencia por parte dos médicos de cabeceira. “Tendo en conta estas cifras, calculamos que hai outros 80 afectados aínda sen diagnosticar, ou que ben estando empezando a acusar os primeiros síntomas da enfermidade”, indica José Manuel Fontenla, presidente da entidade.
Cuíña explica que estes datos “xustifican sobradamente que en Silleda se activen programas como este para axudar a mellorar a calidade da vida tanto das persoas enfermas como dos seus familiares”, e lembra que esta atención “dará un paso cualitativo cando por fin poidamos contar coa agardada residencia- Centro de Día para os nosos maiores”, apunta o rexedor.