O novo servizo municipal permitirá cumprir coa Lei de Benestar animal e mellorar a atención ás colonias felinas
- Acollerá gatos xa esterilizados, desparasitados e sometidos a seguimento individualizado
Silleda, 28 de marzo de 2026.- O Concello de Silleda inaugurou esta tarde a primeira colonia felina municipal da comarca de Deza-Tabeirós, unha iniciativa pioneira que reforza o compromiso do goberno local co benestar animal e coa xestión responsable das colonias de gatos comunitarios no municipio.
A actuación enmárcase no cumprimento da normativa vixente en materia de benestar animal, que establece a obriga dos concellos de xestionar as colonias felinas a través do método CER, acrónimo de captura, esterilización e retorno. Este sistema supón a captura dos animais que integran estas colonias, o seu traslado para esterilización e, posteriormente, o seu regreso ao lugar de orixe, co obxectivo de controlar a súa reprodución e avanzar cara a unha convivencia ordenada e respectuosa.
No caso de Silleda, este traballo vense desenvolvendo desde hai case un ano coa colaboración do CAAN, canceira propiedade da Deputación de Pontevedra, cuxo equipo veterinario se encarga da esterilización dos animais, mentres que as capturas son realizadas por persoal municipal. A maiores, o Concello conta tamén coa colaboración dun grupo de persoas voluntarias, que desenvolven unha labor esencial na alimentación e no seguimento dos gatos unha vez retornados.
Na actualidade, o municipio dispón xa dun rexistro de 12 colonias felinas distribuídas polo territorio, todas elas debidamente identificadas e rexistradas, e sobre as que se realiza un traballo continuado de control e atención.
A creación deste novo espazo municipal, no entorno da Carballeira das Pedrosas, débese a que boa parte destas colonias están situadas en contornas de propiedades privadas, o que dificultaba tanto a aplicación do retorno tras a esterilización como as tarefas cotiás de alimentación e control. Esta situación levou ao Concello a habilitar este novo espazo específico, de titularidade municipal, co que ordenar mellor a atención destas colonias e garantir condicións axeitadas de limpeza, hixiene, seguridade e convivencia.
A nova colonia felina municipal das Pedrosas, conta cun recinto pechado, con aberturas suficientes para permitir a entrada e saída dos gatos, pero que impide o acceso doutros animais.
No interior do recinto habilitáronse varias casetas individuais e un refuxio dobre, nalgúns casos construídos polas propias persoaas voluntarias, cuxo traballo resultou tamén esencial no acondicionamento interior de todos estes espazos. As colaboradoras idearon e elaboraron un sistema de illamento a partir da reutilización de tetrabriks de leite recheos de aillamento, convertendoos en ladrillos illantes, cos que consiguen crear un espazo moito máis cálido e protexido para os animais.
Esta labor, realizada de maneira totalmente altruísta, permitiu dotar a colonia dun acondicionamento térmico moi eficaz e, ao mesmo tempo, práctico, xa que estes elementos poden retirarse para facilitar a súa limpeza e mantemento.
O recinto dispón tamén de comedeiros e bebedeiros, dos que tamén se encargarán as persoas voluntarias colaboradoras, así como do mantemento, limpeza e control sanitario do recinto.
O novo espazo ten tamen instalado un cartel indicador coas normas básicas desta colonia felina, entre as que figura a prohibición de abandonar animais no mesmo ou de subministrarlles alimento fóra do sistema establecido, co fin de garantir o bo funcionamento do espazo e o control sanitario da colonia. Para evitar este tipo de condutas, que están penadas no marco da Lei de benestar animal, Lei 7/2023, está prevista a instalación dun sistema de videovixilancia.
Os animais que se integrarán nesta nova colonia ao igual que os que forman parte das 12 xa existentes no conxunto do territorio municipal está perfectamente controlados a nivel sanitario. Cada exemplar é identificado de maneira individual tras a súa captura e conta cun rexistro ou “pasaporte” propio, que permite realizar un seguimento exhaustivo do seu estado de saúde e do seu benestar. A maiores, todos eles son retornados xa esterilizados e desparasitados, dentro dun sistema sometido a control e supervisión veterinaria, polo que non supoñen ningún problema de saúde pública nin de convivencia veciñal.
Desde o goberno municipal sublíñase que esta nova infraestrutura non só permitirá ofrecerlles aos animais un espazo digno e controlado, senón tamén favorecer a convivencia. A colonia foi instalada no parque público das Pedrosas co propósito de que os gatos poidan entrar e saír do recinto con tranquilidade, alimentarse e refuxiarse nun contorno axeitado, e tamén “para contribuír a sensibilizar a cidadanía, especialmente os máis pequenos, sobre a importancia do respecto e do coidado dos animais” di a Alcaldesa.
Esta iniciativa súmase a outras actuacións impulsadas polo Concello de Silleda no ámbito da protección animal, como a creación do parque canino municipal, e supón un novo avance na aposta por políticas públicas que atendan tamén o benestar dos animais que viven no territorio.
Desde o executivo local agárdase ademais que esta experiencia poida servir de exemplo para outros concellos da comarca e contribuír a impulsar de maneira decidida a aplicación do método CER, que noutros lugares vén sendo desenvolvido grazas ao esforzo de colectivos e persoas voluntarias, ás que o Concello de Silleda “quere tamén recoñecer e agradecer tanto o seu traballo como o seu asesoramento á hora de poñer en marcha este novo servizo municipal”, sinala a alcaldesa.
Paula Fernández lembra finalmente que todas aquelas persoas que detecten a existencia dunha colonia felina no municipio deben poñerse en contacto cos servizos municipais, co fin de activar o procedemento correspondente para a captura, esterilización e retorno dos animais, e fai tamén un chamamento á colaboración cidadá: “Poñemos en marcha este novo servizo municipal coa convicción de que o benestar animal tamén forma parte da responsabilidade pública. Pero para que funcione ben, necesitamos tamén a colaboración da veciñanza: respectando este espazo, non abandonando animais, non alimentando os gatos fóra das pautas establecidas e avisando ao Concello cando se detecte unha nova colonia felina. Só así poderemos facer un traballo ordenado, eficaz e sostible no tempo”.
A seguinte captura prevista será o vindeiro sábado día 4.
