Silleda presenta a súa nova caixa Aloumiños para recibir as crianzas recén nacidas

O novo agasallo ten ademais un importante compoñente social ao ser deseñado e elaborado pola fábrica social da Asociación Amicos

A Casa do Concello de Silleda acolleu este venres, 21 de xuño, a presentación do novo deseño da caixa regalo que o consistorio lle entregará aos nenos e nenas nacidos no municipio, no marco do Programa  ‘Aloumiños’, que dando continuidade ao mesmo, incorpora agora un valioso compoñente social, ao ser deseñada e fabricada unha nova edición das mesmas pola Fábrica Social da Asociación Amicos.

Estas caixas manteñen o formato das entregadas ata o momento, construídas en cartón cartón reciclado, e incorporando unha camisola co lema “eu son do Concello de Silleda”, un babeiro serigrafiado co nome do programa Aloumiños e unha guía de arrolos e xogos en galego.

Ademais estas novas caixas incorporan un peto en forma de porquiño de cor verde e osiño de peluche que é a  mascota da iniciativa e que leva como nome Silled@, e pegatinas para os vehículos coa mensaxe de “bebé do Concello de Silleda a bordo”. Todo o material deseñouse enfocado ao uso do galego e ao orgullo de pertenza ao Concello de Silleda.

O acto contou coa asistencia da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño; o coordinador de Alianzas con Empresas e Persoas de Amicos, Keltoi Cameán; e o técnico da mesma área da entidade na comarca, Pablo Penide. A rexedora foi  a  encargada de presentar ante os asistentes tanto o novo deseño como os produtos que contén o agasallo.

Mediante esta iniciativa, o Concello de Silleda e a Asociación Amicos, a través da súa Fábrica Social, dan forma ao valor da colaboración e a solidariedade das alianzas das institucións coa labor da entidade, centrada en ofrecerlle un apoio integral ás persoas con discapacidade intelectual, trastorno do espectro autista, dano ou parálise cerebral. “É fundamental a colaboración do Concello de Silleda coas entidades do tercer sector se queremos construír sociedades mais inclusivas y diversas”, dixo a alcaldesa ao tempo que agradeceu ao Colectivo Amicos a súa implicación neste proxecto “creado para xerar entre a poboación máis nova ese sentimento de pertenza a este pobo. Sentirse orgulloso e orgullosa de vivir en Silleda” finalizou.

 

Maia, a primeira silledense en recibila

A pequena Maia estreou hoxe a entrega das caixas no Concello de Silleda, recibindo de mans de Paula Fernández este agasallo.

Pola súa banda, o coordinador de Alianzas con Empresas e Persoas de Amicos quixo salientar que “da Fábrica + Social de Amicos sae esta caixa de benvida chea de inclusión, para dar unha mensaxe positiva ao mundo dende cada crianza”.

Neste senso, o Concello de Silleda súmase a outras organización como Jealsa Rianxeira, Vegalsa Eroski, Delagro ou a Consellería de Política Social da Xunta, confiando na Fábrica Social da entidade á hora de encargar os seus produtos.

 

Colaboración pola integración das persoas con discapacidade intelectual

O Concello de Silleda e a Asociación Amicos renovaron en abril o seu convenio de colaboración, centrado na integración laboral das persoas con discapacidade na zona. Para iso, a entidade boirense realiza distintas accións de formación, orientación e intermediación laboral na zona.

A asociación colabora así mesmo nas accións de orientación laboral para colectivos vulnerables impulsadas polo Concello de Silleda, ademais de realizar campañas de sensibilización sobre as persoas con discapacidade intelectual e buscar fórmulas que faciliten a súa integración en todos os eidos.