Silleda presenta en Portugal o proxecto do Centro Agrario para a convocatoria das financiacións europeas

-Presentarase como socio principal ás subvencións do eixo atlántico xunto con dous concellos portugueses

-Ao mesmo tempo está a ter contactos con outras rexións de Francia e Irlanda co fin de captar máis partners para o proxecto

 

Silleda, 13 de maio de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, desprazouse na mañá de hoxe ata Valença, no veciño Portugal, co fin de expoñer ante os representantes das cámaras de Valença e Paredes de Coura a iniciativa de desenrolo rural para a convocatoria das subvencións do Espazo Atlántico.

Así, nunha reunión mantida con Jorge Salgueiro Mendes, presidente da Cámara de Valença, e Tiago Manuel Pereira da Cunha, vice-presidente da de Paredes de Coura, acordouse a colaboración neste proceso internacional co que se pretende obter financiación para o Centro de Desenvolvemento Agrario do Concello de Silleda.

Estes dous municipios portugueses veñen a sumarse a outros veciños da provincia de Pontevedra, moi interesados no proxecto dende un primeiro momento, co que tamén colaborará a Deputación de Pontevedra.

Así mesmo, dende o concello estanse a manter contactos con outras rexións de Francia e Irlanda para que se sumen á convocatoria, á que teñen que concorrer tres países distintos como mínimo.

A idea que se presentará á convocatoria de proxectos do programa Espacio Atlántico da Unión Europea persigue aproveitar o potencial natural das rexións atlánticas para dinamizar unha actividade tradicional como é a agricultura, seguindo as novas demandas dos consumidores e da sociedade como é o consumo responsable.

Manuel Cuíña destacou a boa acollida que o proxecto do Centro Agrario está tendo alá onde se presenta e manifestou o seu desexo de “facer que unha idea municipal, creada para a posta en valor do noso rural e a creación de emprego, non so consiga os seus obxectivos, senón que ademais sexa un proxecto recoñecido internacionalmente”.