Silleda presenta o seu Plan Municipal de Saúde Mental no Foro ‘A saúde mental baixo o foco’ que se celebrou en Ames

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, acudiu hoxe a presentar o plan municipal, xunto coas alcaldesas de A Coruña e de Santiago

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, presentou este mércores 4 de decembro no Foro A saúde mental baixo o foco o Plan Municipal de Saúde Mental do municipio, que botou a andar o pasado mes de outubro convertendo a Silleda no único municipio galego da súa categoría con este programa de acción.

O acto celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e estivo organizado dende o Concello de Ames e La Voz de Galicia. Logo da intervención sobre o funcionamento do Plan de Saúde Mental Municipal do Concello de Ames, que presentaron o alcalde da localidade, Blas García, e a a concelleira de Promoción da Saúde Susana Señorís; así como os cofundadores de CoidadosAmente, (Belén Montesa e Juan Carlos Permuy), celebrouse unha mesa de diálogo sobre a importancia da implicación municipal no coidado da saúde mental da veciñanza.

Paula Fernández, que estivo presente nesta mesa xunto coas alcaldesas de A Coruña, Inés Rey, e de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou a importancia de concienciar e visibilizar os problemas relacionados coa saúde mental. Pena explicou o plan de saúde mental silledense, con eixos como o programa Silleda Acompáñate, un servizo de orientación e asesoramento psicolóxico, accesible para toda a cidadanía, e dende o que se levará a cabo unha avaliación das necesidades emocionais das persoas usuarias para, de ser necesario, derivalas a servizos especializados.

“Este plan amosa o noso compromiso co benestar da veciñanza traballando para mellorar a súa calidade de vida e crear unha comunidade máis forte e saudable”, engadiu.

Así mesmo, a rexedora silledense explicou a programación do plan de saúde mental, que se estruturará por trimestres, comezando xa este mesmo mes coa creación dunha rede de voluntariado para loitar contra a soidade non desexada.

O foro contou tamén con outra mesa sobre deporte e saúde mental, na que participaron o ex adestrador do Obradoiro Moncho Fernández e o deportista Borja Golán,  considerado mellor xogador da historia de España de Squash.

Dende o Concello de Silleda, a alcaldesa e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, que tamén asistiu ao foro, agradeceron o convite do Concello de Ames para participar neste foro e poder expor o seu programa poñendo no foco a importancia da saúde mental.

“Que a organización situara  a Silleda á altura de Ames, Santiago ou A Coruña nas políticas activas de promoción da saúde mental, indícanos que imos polo bo camiño”, rematou a alcaldesa.

Milladoiro. Foro Saúde Mental, organizado por el Concello de Ames y La Voz.