Silleda, 20 de xuño de 2016. O Concello de Silleda presentará este vindeiro xoves, ás 21.00 horas na Casa de Cultura un documental sobre a festa infantil por excelencia do municipio, A Romaría do Rapaz.
Baixo o título “As voces da Romaría”, este documental ven a amosar a historia da festa dende o seu nacemento, e a súa evolución ata o presente, narrada por testemuñas implicadas na organización da Romaría ao longo de todos estes anos.
Deste xeito, esta iniciativa pretende, ademais de dar a coñecer o traballo levado a cabo polas distintas organizacións da festa durante as 28 edicións, servir de homenaxe tanto a todos eles, coma a todos os nenos e nenos que participaron dela ao longo do tempo.
A presentación do próximo xoves será totalmente aberta a todo o público, e tamén se poderá visionar o documental no local social de Siador, o vindeiro domingo, 26 de xuño, durante a celebración da 28 edición da Romaría do Rapaz.